A Autoridade Portuaria esta mañá un test da súa operativa ferroportuaria, con resultados satisfactorios tanto no funcionamento dos protocolos de circulación como nas probas efectuadas no tendido ferroviario intraportuario.
O ensaio comezou uns minutos logo das 10 da mañá, coa baixada dunha locotomotora desde a estación cara ao porto. Á altura da rotonda do Ramal, efectuouse un corte de tráfico, de 3,5 minutos de duración, para permitir o paso da máquina, retomándose a circulación inmediatamente despois. O tren percorreu en menos de 10 minutos a distancia entre O Ramal e o acceso ferroviario ao porto, situado xunto ao depósito de auga. Os viales Rivero de Aguilar e Valle-Inclán, na parte que é de titularidade portuaria (o lado máis próximo ao mar), pecháronse ao tráfico ao comezo da operativa, abríndose por tramos tralo paso da locomotora.
Á súa entrada no recinto portuario, realizáronse probas no tendido ferroviario para verificar o correcto funcionamento de sistemas de manobra, cambios de agulla e desvíos nas fases 1 e 2 da extensión do trazado ferroviario do porto. A locomotora circulou polas vías situadas nas alineacións do peirao Comercial Leste e Oeste, Comboa e Ferrazo, de tal xeito que todo o novo trazado foi testado.
As probas desenvolvéronse sen incidencias, e finalizaron ao filo das 12 do mediodía. Iso permitiu adiantar a hora inicialmente prevista para a subida do tren á estación, que se realizou ás 12.30 horas.
A Autoridade Portuaria agradece a colaboración de ADIF, Policía Local e Protección Civil na realización deste test, primeiro destas características que se efectúa trala finalización das obras de extensión da rede ferroviaria do porto de Vilagarcía.
Infraestructura ferroportuaria
A realización desta proba serviu para verificar a óptima operatividade do ferrocarril do porto de Vilagarcía. A dispoñibilidade dunha conexión ferroviaria contribúe en gran medida á competitividade dos portos, e é unha prioridade na planificación de infraestruturas portuarias. Ademais, a Lei de Portos do Estado recolle que entre as funcións dos portos atópase a de favorecer unha adecuada intermodalidade marítimo-ferroviaria.
A ampliación da rede ferroviaria do porto de Vilagarcía aos peiraos Comercial, de Comboa e de Ferrazo, acometida en dúas fases, supuxo un investimento total de seis millóns de euros (sin ive), financiados con cargo a Fondos de Cohesión da UE, o Fondo de Compensación Interportuario, e recursos xerados pola propia Autoridade Portuaria. Grazas a este investimento, os operadores portuarios dispoñen dunha infraestructura moderna e eficiente, e accesible desde todos os peiraos, para facilitar operacións intermodais de transporte de mercancías. |