O Porto de Vilagarcía dispón de case 3.000 metros de liña de atraque nas dársenas comerciais, con calados de ata 13 metros. A súa superficie total é de case 575.000 metros cadrados, dos cales máis de 242.000 corresponden a zonas de almacenamento, tanto abertas como pechadas.
O Porto de Vilagarcía conta con instalacións específicas para o movemento de mercancía contenerizada, graneis líquidos, graneis sólidos con e sen instalación especial, e mercancía xeral. Igualmente, o equipamento dispoñible garante que as operacións de carga e descarga se realicen de xeito rápido, eficiente e seguro. Tamén dispón de instalacións específicas para o procesado e almacenamento de produtos frigoríficos, principalmente peixe e marisco.
Entre os equipamentos portuarios destaca o Posto de Inspección Fronteiriza, recentemente inaugurado, e que alberga nos seus 1.200 metros cadrados catro organismos de inspección diferentes: Sanidade Exterior, Sanidade Animal, SOIVRE (Servizo Oficial de Inspección, Vixilancia e Regulación das Exportacións) e Sanidade Vexetal.
Para a Autoridade Portuaria, a seguridade en todas as súas actuacións é un principio irrenunciable, destacando neste ámbito tres dotacións situadas no recinto portuario: a subsede do parque comarcal de bombeiros, o posto de Protección Civil e o moderno centro de control, que permite supervisar toda a operativa portuaria e controlar en todo momento tanto o acceso ao recinto portuario como a actividade que se está desenvolvendo nos peiraos.
Descargue o documento detallado das instalacións
|