facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Luns, 15-Outubro-2018
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
A Autoridade Portuaria presenta o seu Plan Estratéxico 2013-2017
Luns, 05 Agosto 2013 09:57
AddThis Social Bookmark Button

presentacion plan estrategicoA Autoridade Portuaria de Vilagarcía convocou o venres, día 2 de agosto, á comunidade portuaria (concesionarios e empresas prestadoras de servizos no porto) para darlles a coñecer o seu Plan Estratéxico para o periodo 2013-2017.

Á presentación do documento, que foi aprobado esa mesma semana polo Consello de Administración do porto, asistiu tamén Tomás Fole, alcalde de Vilagarcía. Previamente o documento xa fora presentado aos traballadores da propia Autoridade Portuaria.

A difusión do Plan Estratéxico entre estes colectivos é unha prioridade para a Autoridade Portuaria, posto que, segundo apunta a presidenta deste organismo, Sagrario Franco, “a súa implicación é clave para a consecución dos obxectivos sinalados no documento”. Estes obxectivos son: fomentar a comercialización e a explotación das infraestructuras creadas; dar protagonismo ás empresas prestadoras de servizos portuarios como axentes clave no desenvolvemento do porto, fomentando o traballo conxunto e a colaboración público privada, e, para rematar, mellorar o posicionamiento internacional do porto potenciando o seu carácter atlántico.

O plan ten cinco eixes estratéxicos para lograr os seus fins. O primeiro trata sobre o incremento da actividade portuaria, fomentando novos tráficos e conexións. O segundo versa sobre converter ao Porto de Vilagarcía nunha plataforma logística clave do noroeste peninsular. O terceiro é potenciar o papel da Autoridade Portuaria como axente de desenvolvemento socioeconómico e como exemplo de colaboración publico privada. Os outros dous eixes estratéxicos fan referencia á calidade total e a primar a sostenibilidade medioambiental da actividade Portuaria.

Quince proxectos estratéxicos

Un total de 15 proxectos estratéxicos poñeranse en marcha no periodo que abarca o plan. Destes proxectos destacan “Vixilancia de Oportunidades comerciais”, “Consolidación da Terminal de Contedores” ou “Tráficos Ro-Ro” como iniciativas para captar tráficos e incrementar a conectividade do territorio. Outros proxectos como “Comercialización do servizo de ferrocarril” ou “Nova Plataforma Empresarial e Logística” buscan incrementar a intermodalidade e ampliar a área de influencia do Porto. O plan non se esquece da conservación e valorización dos elementos patrimoniales mediante a proposta “Valorización dos Faros” ou de fomentar os combustibles verdes co proxecto “Novos combustibles”.

Foro conxunto de promoción

Unha das primeiras repercusións do novo plan estratéxico do porto será a posta en marcha dun “Foro conxunto de promoción”, tal e como anunciou a presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco. Este foro está concibido como un encontro periódico e regular de participación e intercambio de ideas. Formarán parte desta iniciativa os membros da comunidade portuaria, as asociacións empresariais e as administracións públicas do área de influencia do Porto de Vilagarcía.

Impacto económico

No ano 2012 o Porto de Vilagarcía superou a cifra do millón de toneladas de mercancía movida. Concretamente moveu 1.007.477 toneladas, aumentando os tráficos de graneles sólidos, líquidos e mercancía xeral con respecto ao ano 2011 nun 24%, vinte puntos porcentuais máis que a media do sistema portuario nacional. O incremento no tráfico de mercancía xeral, do que se moveron 455.516 toneladas, produciuse, sobre todo, grazas ao aumento do tráfico de contenedores, que se duplicou con respecto ao ano anterior.

Esta actividade portuaria xerou 1.171 empregos totais, dos que 672 son empregos directos e 499 son empregos indirectos; sen prexuízo da xeración de centos de empregos inducidos ao longo do ano.