O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía aprobou esta tarde sacar a licitación a obra de reforma e ampliación do edificio da Autoridade Portuaria, cun orzamento de 799.996,07 euros e un prazo de execución de seis meses.
Deste xeito, a Autoridade Portuaria retoma a iniciativa de reformar e ampliar a súa sé, un proxecto que inicialmente estaba previsto acometer no ano 2010 e do que desistiu no seu día para priorizar outros investimentos destinados a mellorar as infraestruturas portuarias e reforzar a aposta de Vilagarcía pola intermodalidade. Desde abril de 2010, o persoal de oficinas do porto que ata esa data estaba na sé do peirao de Pasaxeiros trasladouse ao edificio da antiga Comandancia de Mariña. Con todo, este inmoble -debido á súa antigüidade- non resulta idóneo para este uso, por cuestións como a deficiente accesibilidade, a escasa eficiencia enerxética ou a distribución de espazos interiores. Por ese motivo, e a fin de mellorar tanto as condicións de traballo do persoal como a atención aos clientes e usuarios, o Consello de Administración deu a súa aprobación á reforma e ampliación da sé institucional do porto. Cabo recordar que durante estes anos, o edificio mantivo una certa actividade, xa que tanto a sala de reunións do Consello de Administración como sala de conferencias da Autoridade Portuaria conservaron o seu uso. O actual proxecto de reforma do edificio de oficinas da Autoridade Portuaria introduce varios cambios con relación á proposta aprobada en 2010 e reduce o orzamento da actuación en 200.000 euros. O proxecto prevé ampliar o inmoble pola parte lateral máis próxima á rúa Rivero de Aguilar e pola parte posterior, co que o edificio pasará de ter forma de L a ter forma de U. Ademais, habilitarase para o seu uso como oficinas a segunda planta. De acordo coa memoria do proxecto, resolveranse as necesidades de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, así como o enlace entre o edificio actual e a ampliación, e a habilitación de espazos e equipamientos para persoas de mobilidade reducida. En canto á distribución, optouse por un deseño diáfano e pola agrupación en áreas contiguas daqueles departamentos que, pola características do seu traballo, manteñen cotidianamente unha estreita colaboración. A superficie total útil do novo edificio será de 1.278,29 metros cadrados. Por outra banda, a presidenta da Autoridade Portuaria deu conta aos membros do Consello dos tráficos portuarios en 2014, ano que se pechou coa cifra de 983.277 toneladas de mercancía movida, un 2,13% máis que o ano anterior. A maior subida rexistrouse no apartado de graneis sólidos, cun incremento de case o 60% (323.047 toneladas fronte ás 202.966 de 2013). A gran maioría de produtos incluídos nesta categoría incrementaron os seus tráficos. A mercancía con maior peso neste apartado, que é o cereal, pasou de 36.656 toneladas movidas en 2013 a case 130.000 o pasado ano. Tamén a urea (+9,5%) e o cemento (+5%) melloraron os seus resultados con relación ao ano anterior. Pola contra, nos graneis líquidos o ano pechouse cun descenso dos tráficos do 52%. O total de toneladas movidas nesta categoría foi de aproximadamente 125.000. Finalmente, na categoría de mercancía xeral 2014 terminou con 534.385 toneladas movidas (+7,38%), sendo a primeira ocasión en que este porto alcanza a cifra do medio millón de toneladas de mercancía xeral. A práctica totalidade de produtos incluídos neste apartado superan os seus resultados do ano anterior, e algunhas mesmo establecen as súas mellores marcas históricas. Só o aluminio e a madeira non melloran as súas cifras de 2013, aínda que se sitúan moi preto dos tráficos contabilizados ao remate dese ano. Entre os produtos cunha mellor evolución atópase o taboleiro. As 135.680 toneladas de taboleiro movidas a través deste porto melloran o anterior récord, establecido en 2012 con 131.788 toneladas. Cómpre destacar tamén os rexistros da pasta de papel que con 12.636 toneladas, experimenta un aumento do 22,7% con relación ao ano anterior. Cuantitativamente, o maior peso específico entre a mercancía xeral corresponde ao movemento de contedores, que nos 12 meses do pasado ano alcanzou as 285.894 toneladas fronte ás 274.113 t do ano anterior. En TEUS, a cifra foi de 33.297. Estes números tamén supoñen o mellor rexistro histórico en tráfico de contedores no porto de Vilagarcía, que mantén nos últimos anos unha sostida evolución en positivo. Na actualidade, os contedores representan xa o 29% dos tráficos do porto de Vilagarcía. Polo que respecta aos resultados do primeiro mes deste ano, o porto conseguiu incrementar case un 3,5% os seus números de xaneiro de 2014. O total de toneladas contabilizadas é de 116.427, unha cifra á que contribuíron, sobre todo, os cereais e a mercancía contenerizada. Deste xeito, 2015 comeza mantendo a tendencia ao incremento dos tráficos portuarios coa que se pechou 2014. |