facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Mércores, 18-Setembro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O porto pecha o primeiro semestre do ano cun aumento dos seus tráficos do 5,45%
Martes, 30 Xuño 2015 16:00
AddThis Social Bookmark Button

consejo junio1A presidenta da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Sagrario Franco, deu conta hoxe aos membros do Consello de Administración do porto do balance de tráficos correspondente ao primeiro semestre do ano, que se pecha provisionalmente cunha un total de 510.187 toneladas de mercancía movida.

Nos seis primeros meses do pasado ano o total de mercancía movida polo porto fora de 483.820, polo que o incremento dos tráficos foi do 5,45%.

A mercancía xeral, cun total de 265.059 toneladas movidas nos seis primeiros meses do ano, continúa ocupando a primeira posición no reparto de tráficos do porto de Vilagarcía. Os resultados do semestre nesta categoría son os segundos mellores rexistrados a metade de exercicio na serie histórica de tráficos portuarios, só lixeiramente por baixo (-10.000 t) dos de 2014, ano no que o tráfico de mercancía xeral bateu o seu récord no porto de Vilagarcía. Nesta categoría, cómpre destacar as cifras positivas do taboleiro (71.558 toneladas, 3,45%) e especialmente, do aluminio (52.729 toneladas, 8,35%).

Os graneis líquidos manteñen a tendencia descendente que xa se manifestou ao remate de 2014; os tráficos contabilizados entre xaneiro e xuño foron de 45.594 toneladas, un 42,8% menos que no mesmo periodo do pasado ano.

Porcentualmente, o maior incremento de tráficos neste primeiro semestre do ano rexistrouse no apartado dos graneis sólidos: as case 200.000 toneladas movidas entre xaneiro e xuño supoñen un aumento do 54,7% con relación ao mesmo periodo do pasado ano. A maior subida nesta categoría corresponde aos cereais: fronte ás algo máis de 43.000 toneladas do primeiro semestre de 2014, no que levamos de 2015 movéronse máis de 100.000 toneladas, o que representa un incremento do 134%.

Os cereais supoñen pouco máis da metade do tráfico de graneis sólidos do porto de Vilagarcía. Estas cifras positivas vense acompañadas polo incremento nos tráficos de cemento por instalación (25.766 toneladas, 14,5%), urea (45.412 toneladas, 10,4%) e fosfato (4.254 toneladas, fronte ás 1.594 t do mesmo periodo do pasado ano). Todos os produtos incluídos nesta categoría incrementaron os seus tráficos no primeiro semestre de 2015.

Contas anuais

Na sesión de hoxe tamén se informou ao Consello sobre as contas anuais da entidade correspondentes ao exercicio 2014, que se pechou cun resultado positivo de 42.795,45 €. O importe neto da cifra de negocios foi de 4,55 millóns de euros.

No balance de perdas e ganancias destaca o incremento dos ingresos por taxas portuarias, que foron de 4.111.052,74 euros (unha subida do 2,6% con relación ao ano anterior) e doutros ingresos de explotación, debido principalmente á maior achega recibida do Fondo de Compensación Interportuario para a realización de investimentos.

Pola contra, rexistrouse unha redución do 4,5% no apartado doutros gastos de explotación, que ascenderon en 2014 a 1,6 millóns de euros, fronte aos 1,7 millóns do ano anterior. Esta redución foi especialmente destacada nos Servizos Exteriores, que supoñen máis da metade do importe total dos outros gastos de explotación e que baixaron case un 10% en global, cunha diminución do gasto en todos os subapartados desta categoría coa única excepción do importe destinado a reparacións e conservación, que se incrementou nun 5%, como consecuencia da posta en marcha, por parte da Autoridade Portuaria, dun Plan de Mantemento Preventivo das súas instalacións.

Convenio con Defensa

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria tamén deu o seu visto bo á firma dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Defensa (Armada) e a Autoridade Portuaria, para a posta a disposición de dominio público portuario para a instalación da Oficina de Acción Marítima nesa localidade. Deste xeito, posibilítase que o Ministerio de Defensa poida crear unha "Oficina de Acción Marítima" (OFAM), en Vilagarcía de Arousa, nas proximidades da contorna portuaria para, desta forma, incrementar a presenza da Armada e as relacións coas diferentes Administracións con competencias na contorna marítima neste porto.

O emprazamento designado para esta cesión é un área de oficinas na planta primeira do antigo edificio da Comandancia de Vilagarcía, que actualmente e de xeito provisional está ocupado por oficinas da Autoridade Portuaria, aínda que está previsto que no prazo duns meses os servizos situados neste inmoble volvan ao seu emprazamento orixinal, na sé portuaria do peirao de Pasaxeiros.

A cesión non implica a renuncia, por parte da Autoridade Portuaria, a futuros aproveitamentos do mesmo edificio, mediante o outorgamento de concesións para a instalación de oficinas ou outros servizos directamente vinculados á actividade portuaria.

 

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.