facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Martes, 10-Decembro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O valor das mercancías embarcadas superou por vez primeira en 2014 ao das desembarcadas en Vilagarcía
Venres, 07 Agosto 2015 09:15
AddThis Social Bookmark Button

camiones descargaA Autoridade Portuaria de Vilagarcía moveu durante o pasado ano mercancías por un valor total de máis de 813 millóns de euros, cifra que supón un novo máximo histórico do valor das mercancías movidas a través das instalacións do porto arousán.

Por vez primeira, o valor das mercancías embarcadas no porto superou ao das desembarcadas, un dato que supón a constatación de que Vilagarcía é cada vez máis un porto exportador ou de embarque de mercancías que experimentaron un proceso de elaboración (que aporta valor engadido) por parte das empresas da nosa área de influencia. Eses datos foron dados a coñecer pola presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, aos membros do Consello de Administración do porto na sesión celebrada esta mañá.

Se en anos anteriores, o valor da mercancía xeral embarcada xa superaba o da desembarcada, este ano este feito prodúcese no cómputo global do tráfico portuario (aínda que non en cada unha das categorías, individualmente consideradas). Concretamente, e no que se refire exclusivamente ao valor das mercancías de tráfico marítimo, o valor das mercancías embarcadas supuxo un 53% do total ((354.129.410 euros), mentres que en toneladas representou un 40% dos tráficos portuarios en 2014. No caso das mercancías desembarcadas, suman o 47% do valor dos produtos movidos no porto por tráfico marítimo (309.365.013 euros), mentres que en toneladas o seu peso específico é maior, do 60% do total de tráficos marítimos.

Un ano máis, a maior contribución ao valor das mercancías movidas polo porto correspondeu á Mercancía Xeral, que alcanzou un valor industrial de 554.800.253 €, o que supón un 68% do total.
O valor dos Graneis Sólidos foi de 60.670.608 €, o que constitúe un 7%.
Os Graneis Líquidos tiveron un valor industrial de 48.023.562 €, cifra que equivale a un 6% do total.
A cantidade restante -150.065.771 euros, un 19% do total- é atribuíble o tráfico terrestre.

Na comparación entre toneladas e valor engadido a mercancía xeral, que supuxo o 50% das toneladas movidas polo porto, representa o 68% do valor. Os graneis sólidos, que en volume suman un 30%, aportan un 7% do valor. Os graneis líquidos foron un 12% do total de mercancías por número de toneladas, e representaron o 6% do valor total. Finalmente, o tránsito terrestre é a categoría á que corresponde o 8% das toneladas movidas, pero en valor esta cifra increméntase ata o 19%.

Dentro deste último apartado, o 98% do valor (147.490.713 euros) corresponde á pesca conxelada, que alimenta as liñas de produción de derivados de moluscos, mariscos e peixes que elaboran os frigoríficos situados na zona de servizo do Porto de Vilagarcía.


Grupo
Mercancías
Toneladas % sobre o total Valor
en euros
% sobre
o total
Mercancía Xeral 538.218 50% 554.800.253 68%
Graneis Sólidos 318.996 30% 60.670.608 7%
Graneis Líquidos 125.845 12% 48.023.562 6%
Avituallamento e Terrestre 87.206 8% 150.065.771 29%

Cómpre resaltar que a evolución positiva do valor das mercancías desde que a Autoridade Portuaria comezou a realizar este estudo, no ano 2009, é moito máis acusada que a evolución dos tráficos neste mesmo periodo. Así, desde o ano 2009 o valor das mercancías practicamente se duplicou pasando de 420 millóns de euros nese exercicio a máis de 813 millóns de euros o pasado ano ( + 93,6%). Como comparación, pódese mencionar que nese mesmo periodo de tempo, o incremento dos tráficos portuarios foi dun 3,5%, aproximadamente. Iso quere dicir que a mercancía que pasa polo porto incrementou o seu valor engadido.

Metodoloxía
O cálculo destas cifras, que se inclúe nun estudo elaborado pola propia Autoridade Portuaria, efectúase tomando como referencia o valor medio ponderado de cada produto de acordo cos importes declarados na aduana, referencia que se aplicou a todas as mercancías movidas a través do Porto de Vilagarcía de Arousa, en exportacións, importacións, comercio nacional e tránsito. No cálculo tense en conta o valor das embalaxes e, no seu caso, dos aranceis, pero non o ive nin outros impostos sobre o consumo, como tampouco gastos de transporte posteriores ao embarque ou desembarque de mercancías.

Excluíronse deste traballo as taras dos contedores; as toneladas non contabilizadas por este concepto ascenden a 74.562 toneladas, o que supón un 7% do total. Tampouco se inclúen neste estudo o valor dos avituallamientos (combustibles, provisións, pertrechos, etc.), equivalentes 5.806 toneladas, por non considerarse operacións comerciais de carga e descarga de mercancías.

Acordos
No consello de administración da Autoridade Portuaria celebrado esta mañá tamén se aprobou unha modificación substancial da concesión de Aceites Abril, por haberse ampliado a superficie construída tanto na sala de bombeos e maquinarias como nas oficinas, ademais de modificarse a distribución interior. O incremento da superficie é de 52,72 m2, pasando dunha superficie construída total inicial de 268,23 m2 a 320,95 m2.

O Consello tamén aprobou o outorgamento da concesión C-0142, situada no peirao de enlace (dentro da zona de servizo do porto) para a instalación dun bar, así como a cesión de uso dun dos locais da zona lúdica de lecer anexa ao porto deportivo (zona TIR).

 

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.