O porto recibiu o primeiro barco con aceite de xirasol destinado a Aceites Abril |
Venres, 23 Outubro 2015 13:25 |
O buque "Sound of Sea", con bandeira de Turquía, descargou o luns, 26 de outubro, un total de 4.000 toneladas de aceite de xirasol no porto de Vilagarcía, destinado á terminal de Aceites Abril. Trátase da primeira descarga desta mercancía no porto arousán.
A chegada desta mercancía supuxo a entrada en funcionamento das instalacións das que a firma Aceites Abril dispón no porto de Vilagarcía. A escala en Vilagarcía do buque -cuxo país de orixe era Ucrania- estivo consignada pola empresa P&J Carrasco. O molle asignado para esta escala foi o de Comboa, xa que neste punto sitúanse as tomas das tuberías polas que se realizan as operativas de descarga deste granel líquido.
As instalacións da firma ourensá Aceites Abril no porto de Vilagarcía están dedicadas á recepción, almacenamento e distribución de aceites vexetais destinados a consumo humano. A empresa realizou un investimento de aproximadamente un millón de euros para a adecuación das súas instalacións para este fin. A presenza de Aceites Abril no porto de Vilagarcía supón unha importante vantaxe para a operativa da compañía, xa que dispoñer de almacéns a pé de peirao permítelles recibir e almacenar materia prima con menores custos loxísticos. A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, valorou moi positivamente a entrada en funcionamento da terminal de graneis líquidos de Aceites Abril, destacando que "a misión fundamental dun porto é atender as necesidades loxísticas e de conectividade das empresas da súa zona de influencia, polo que a chegada de novos tráficos é sempre unha excelente noticia, xa que nos permite seguir contribuíndo á competitividade das empresas da nosa contorna”. |