facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Martes, 13-Abril-2021
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O Porto incrementou os seus tráficos un 4,25% en 2015 e mellora os seus máximos anuais en aluminio e taboleiro
Venres, 05 Febreiro 2016 15:01
AddThis Social Bookmark Button

aluminioA Autoridade Portuaria pechou o ano 2015 cun movemento de mercadoncías de 1.024.894 toneladas, o que supón un incremento do 4,25% con relación ano anterior, que rematara con 983.092 toneladas movidas a través dos peiraos arousáns.

Nestes bos datos de tráfico anual influíron principalmente dous factores: por unha banda, a consolidación do movemento de mercancía xeral, que establece o seu segundo mellor rexistro de toda a serie histórica, só 8.000 toneladas por baixo do récord establecido o pasado ano. Por segunda vez na historia do porto, pásase a cifra do medio millón de toneladas anuais de mercancía xeral, sendo o total de toneladas nesta categoría de 526.598. Aproximadamente a metade desta cifra corresponde ao movemento de contenedores na liña regular operada pola compañía Boluda e que enlaza o porto de Vilagarcía con Bilbao, Lisboa e as Illas Canarias.

Nesta mesma categoría, merecen especial atención os resultados en dous produtos cun grande peso específico entre os tráficos do porto de Vilagarcía: trátase do taboleiro e do aluminio, que estableceron á conclusión de 2015 novos máximos anuais nos seus tráficos. Concretamente, no caso do taboleiro, supéranse as 138.500 toneladas embarcadas no ano, o que supón un 2% máis que a marca establecida en 2014, sendo a terceira vez nesta década que esta mercancía supera os seus mellores registros históricos. En canto ao aluminio, 2015 pechouse por vez primeira con máis de 100.000 toneladas descargadas nos peiraos arousanos (concretamente 103.656 toneladas, un 15% máis que a pechadura de 2014).

Apréciase tamén unha lixeira recuperación da pesca conxelada, da cal movéronse 6.261 toneladas (sen incluír o movemento deste produto por contenedor), o que supón case un 40% máis que no ano anterior.

O segundo factor determinante nos bos resultados portuarios foi o incremento do tráfico de graneis sólidos. Nesta categoría contabilizáronse 403.440 toneladas en 2015, o que supón un incremento de case o 25% con relación ao ano anterior (que se pechou con 323.056 toneladas). Nesta categoría, o movemento de cereais situouse por encima das 240.000 toneladas, rexistros que non se alcanzaban desde a pasada década; con relación ao ano 2014, o incremento de tráfico de cereal foi de máis do 37%. A urea, con 92.534 toneladas no exercicio, subiu un 10,5% con respecto a 2014, e o cemento por instalación rexistrou a súa segunda subida anual consecutiva, tras varios exercicios con resultados á baixa. En canto ao fosfato, as 9.626 toneladas movidas en 2015 supoñen prácticamente duplicar as cifras do ano anterior. 

No que se refire aos graneis líquidos, cómpre resaltar a incorporación dun novo tráfico regular, o aceite para consumo humano, aos produtos movidos a través do porto de Vilagarcía neste apartado. Aínda que as instalacións coas conta a empresa Aceites Abril no porto de Vilagarcía entraron en funcionamento no último trimestre do ano, as 8.025 toneladas contabilizadas nas dúas operativas realizadas durante o exercicio permitiron compensar en parte os descensos noutros produtos nesta mesma categoría. O total de graneis líquidos movidos en 2015 a través do porto de Vilagarcía foi de 94.856 toneladas.

En canto ao movemento de pasaxeiros, aínda que se reduciu o número de escalas con relación ao ano 2014, os barcos que arribaron a Vilagarcía eran de maior tamaño e con maior número de pasaxeiros, co cal o número de cruceristas aumentou un 15% con respecto ao ano anterior, sendo o total de 1.190 persoas.

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, valora positivamente os resultados de tráficos de 2015, aínda que sinala que é preciso seguir traballando na consolidación das mercancías actuais e a captación de novos tráficos para fortalecer a posición de Vilagarcía no conxunto de portos de interese xeral, poñendo a disposición dos clientes, así como dos potenciais usuarios da Autoridade Portuaria, as infraestruturas necesarias para facilitar as súas operativas, garantindo en todo momento a seguridade, o respecto medioambiental, a eficiencia e a calidade.

"O labor da Autoridade Portuaria -destaca a presidenta- busca en todo momento dar resposta aos retos e necesidades dos sectores produtivo e loxístico da nosa zona de influencia. Sempre da man da comunidade portuaria, traballamos para reforzar o noso papel como referente loxístico da actividade económica do hinterland portuario, contribuíndo así ao desenvolvemento económico da nosa cidade e a nosa comunidade".

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.