facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Venres, 20-Setembro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O porto supera o seu récord de tráfico de mercancía xeral, con 550.000 toneladas movidas este ano
Venres, 25 Novembro 2016 15:24
AddThis Social Bookmark Button

foto consejo noviembreO porto de Vilagarcía acaba de establecer un novo máximo anual en tráfico de mercancía xeral coas case 552.000 toneladas movidas entre xaneiro e novembro deste exercicio, sendo o tráfico total portuario neste periodo de 985.000 toneladas.

Ata a data, o mellor dato anual en movemento de mercancía xeral correspondía ao ano 2014, no que -entre xaneiro e decembro- se contabilizaron 534.000 toneladas nesta categoría.

O balance de tráficos ata novembro -aínda provisional-, permite ao porto de Vilagarcía superar, por terceiro ano consecutivo, o medio millón de toneladas de mercancía xeral nun exercicio. Cómpre resaltar que esta cifra de 552.000 toneladas incrementarase nas próximas semanas coas operativas programadas. Con relación os once primeiros meses do pasado ano, o incremento porcentual no movemento de mercancía xeral é do 13%. Estes datos foron postos en coñecemento dos membros do Consello de Administración por parte da presidenta, na sesión celebrada esta mañá.

Son especialmente reseñables as subidas rexistradas en dous produtos: o taboleiro ( 22,5%) e o aluminio ( 29%), mercancías que xa o pasado mes superaron os seus mellores registros nun exercicio, establecendo novos máximos anuais. Porcentualmente, a subida máis destacada nesta categoría de mercancía xeral corresponde á pesca conxelada en tráfico marítimo, que con 11.168 toneladas movidas entre xaneiro e novembro, aumenta máis dun 78% con relación a 2015. En canto á mercancía contenerizada, e a falta dunha operativa para pechar o mes, o total de Teus movidos a través da terminal operada por Boluda ascende a 29.603, un 4,6% máis que entre xaneiro e novembro do pasado ano.

No que se refire aos graneis sólidos, as estatísticas provisionales mostran un descenso do 23,1% entre xaneiro e novembro con relación a 2015. Malia que se incrementan de forma notable os tráficos dos produtos englobados no apartado doutros graneis sólidos, que suman 23.000 toneladas, iso non é suficiente para compensar os descensos noutras mercancías, particularmente o cereal, cuxos tráficos neste exercicio diminuíron un 41%. O total de toneladas movidas entre xaneiro e novembro nesta categoría foi de 262.122.

Finalmente, no apartado de graneis líquidos mantense a positiva evolución dos tráficos que vén caracterizando todo este exercicio, e que representa unha considerable recuperación con relación ao remate de 2015. O total de toneladas movidas é de case 171.000, o que supón dobrar as cifras do pasado ano. Nesta categoría destacan as excelentes cifras do aceite, un produto que o porto comezou a mover a finais de 2015 e do que se contabilizan xa unhas 55.000 toneladas.

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, apuntou na presentación destas estatísticas aos membros do Consello que “con obxectivo do millón de toneladas practicamente garantido, o porto aspira a mellorar as súas cifras de 2014, ano que pechou con 1.024.894 toneladas de mercancía movida. Iso supoñería establecer o seu mellor rexistro desde o ano 2008 e encadenar o terceiro exercicio consecutivo incrementando o total de tráficos portuarios”.

Por otra banda, o Consello tamén acordou o nomeamento de Rafael García Giráldez como práctico do porto de Vilagarcía, unha vez recibida na Autoridade Portuaria a resolución da Dirección Xeral da Mariña Mercante sobre a súa habilitación definitiva para prestar servizos de practicaxe no Porto de Vilagarcía de Arousa e a súa Ría.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.