facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Domingo, 17-Novembro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
As augas do porto de Vilaxoán acollerán este xoves a disputa da Xi Bandeira de Bateis "Porto Vilagarcía"
Martes, 11 Abril 2017 14:01
AddThis Social Bookmark Button

bandera portovilagarca 2017Este xoves, día 13 de abril, desde as 16.30 horas, disputarase en augas do porto de Vilaxoán a XI Bandeira de Bateis “Porto Vilagarcía”, un evento que foi presentado esta mañá na sala de conferencias da Autoridade Portuaria.

Rogelio Tarrio, presidente do Club de Remo Vilaxoán -organizador da proba- explicou que na competición participarán 90 tripulacións de toda a provincia de Pontevedra, das cales 15 corresponden ao club anfitrión. En total, aproximadamente 450 remeiros sairán a remar nalgunha das nove categorías previstas: alevín, promesa, xuvenil e senior, na modalidade feminina; e alevín, infantil, cadete, xuvenil e senior na modalidade masculina.

Tarrío -quen estivo acompañado no acto de presentación polos tamén directivos do club Manuel Tarrío e Melchor Gago- mostrouse confiado de que os remeiros do Club de Remo Vilaxoán farán un bo papel nesta competición, a cal servirá de antesala ao campionato provincial que se disputará o sábado e o domingo, tamén en augas de Vilaxoán.

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, aproveitou para felicitar “á directiva do club, e a todas as persoas que colaboran con eles, sen cuxa implicación non sería posible a celebración da undécima Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía”, dado o esforzo que implica a organización dun evento destas características. Franco Malvar destacou que esta proba “referenda, ano tras ano, o seu atractivo non só para os clubs de remo, senón tamén para os afeccionados a este deporte da nosa contorna, aos que nesta ocasión poderán sumarse turistas dos que nestas datas nos visitan”.

Pola súa banda o concelleiro de Deportes do Concello de Vilagarcía, Argimiro Serén, agradeceu ao Porto e ao Club de Remo Vilaxoán a súa invitación para participar na presentación, e destacou que “durante esta Semana Santa, Vilagarcía converterase na capital do deporte galego, con cinco eventos deportivos de alto nivel que poñen o foco na nosa cidade”. Serén tamén destacou o labor do deporte base “que simboliza os auténticos valores e a importancia do deporte”.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.