facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Domingo, 17-Novembro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O Porto pecha outubro co segundo mellor balance provisional de tráficos da súa historia, tras 2003
Xoves, 02 Novembro 2017 10:58
AddThis Social Bookmark Button

barco cerealO mes de outubro finaliza para a Autoridade Portuaria de Vilagarcía con excelentes cifras no referente ao tráfico de mercancías. A falta de dous meses para terminar o exercicio, os tráficos portuarios suman un total de 998.142 toneladas.

Esta cantidade supón un incremento dos tráficos portuarios, no que vai de ano, do 10,3%, con relación aos resultados de 2016, e é o segundo mellor balance da historia do porto á conclusión de outubro, só por detrás das cifras do ano 2003. As cifras provisionais de tráficos do mes de outubro foron postas en coñecemento dos membros do Consello de Administración do Porto na sesión celebrada o pasado venres.

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, destacou que “con estas bos resultados, e co noso primeiro obxectivo, que é sempre pasar o millón de toneladas de tráficos, prácticamente alcanzado, esperamos manter esta positiva evolución nos dous meses que faltan para terminar este exercicio, o cal permitiríanos recuperar nesta Autoridade Portuaria cifras non vistas desde máis dunha década en canto ao total de tráficos portuarios”.

A presidenta destacou que o esforzo dunha comunidade portuaria altamente comprometida e dinámica foi imprescindible para estes excelentes números, que son reflexo dunha aposta pola eficiencia, a calidade, a flexibilidade e a diversificación de tráficos que constitúen os rasgos de identidade do porto de Vilagarcía, desta Autoridade Portuaria e de toda a comunidade portuaria.

“O noso Plan Estratéxico -sinalou a presidenta- fai mención ao papel da Autoridade Portuaria como axente de desenvolvemento económico e social, e exemplo de colaboración público-privada; desde esta Autoridade Portuaria fixemos un esforzo importante para que todo o equipo humano sitúe ao cliente no eixe da súa actuación, posto que só traballando de xeito conxunto cos nosos operadores, terminalistas, etc. podemos facer crecer o noso porto e cumprir a nosa misión como centro loxístico de vocación atlántica, facilitando e axilizando os intercambios comerciais tanto de grandes como de pequenas e medianas empresas da nosa zona de influencia, contribuíndo así á súa competitividade e tamén ao pulo económico de Vilagarcía e a súa comarca”.

Mostra da importancia do porto de Vilagarcía para a loxística de empresas da nosa contorna é o peso que adquiriu o movemento de aceite por estas instalacións en tan só de dous anos. Actualmente, o aceite para consumo humano que se descarga e almacena no centro logístico co que a compañía aceitera ourensana Aceite Abril conta no porto de Vilagarcía -inaugurado en outubro de 2015- sitúase á cabeza dos graneis líquidos no porto de Vilagarcía, cunha subida de case o 30% con relación ao pasado ano. O total de toneladas movidas nesta categoría de graneis líquidos entre xaneiro e outubro é de máis de 161.000 toneladas, cifra un 4% superior á de 2016.

Os graneis sólidos consolidan o notable aumento de tráficos que veñen rexistrando nos últimos meses. Contabilízanse a día de hoxe 337.738 toneladas, cifra un 39,3% superior á do mesmo periodo de 2016 (preto de 100.000 toneladas máis). Neste apartado destaca a subida do cereal, con case 50.000 toneladas máis que o pasado ano e un incremento porcentual do 48%; e o cuarzo, do que se moveron xa 64.046 toneladas fronte ás 23.381 do pasado ano. As boas cifras complétanse cos incrementos, superiores ao 10%, nos tráficos de cemento por instalación e de fosfato.

Finalmente, o tráfico de mercancía xeral é o único que descende -aínda que minimamente- con relación ao pasado ano. Desde comezo de ano e ata hoxe, movéronse nesta categoría un total de 499.283 toneladas nesta categoría. Ademais dos movementos de taboleiro e aluminio con orixe e destino, respectivamente, en importantes compañías transformadoras da nosa zona de influencia, cómpre destacar o incremento porcentual no tráfico de pasta de papel, grazas ás case 6.500 toneladas movidas neste mesmo mes (para un total de 12.000 toneladas no ano).

Pola súa banda o movemento de contedores a través da liña da compañía Boluda -o cal ten como destino ou orixe as Illas Canarias, principalmente- consolídase como primeiro tráfico, por total de toneladas, do porto de Vilagarcía, e representa aproximadamente o 25% das toneladas movidas polo porto. Nos dez primeros meses do ano, contabilízanse 28.933 TEUs, un 4,9% máis que o pasado ano, e a mellor cifra á conclusión do mes de outubro desde que a terminal comezou a operar.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.