facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Mércores, 18-Setembro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O Porto de Vilagarcía bate en 2017 o seu récord histórico de tráficos, con 1,2 millóns de toneladas
Xoves, 11 Xaneiro 2018 16:09
AddThis Social Bookmark Button

tableroA Autoridade Portuaria de Vilagarcía estableceu en 2017 un novo récord de tráficos portuarios, ao alcanzar por vez primeira a cifra de 1,2 millóns de toneladas. Os datos foron dados a coñecer en rolda de prensa pola presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco Malvar.

O aumento de tráficos con respecto ao ano 2016 é de case 100.000 toneladas. En porcentaxe, o incremento é dun 8,68%.

Os 1,2 millóns de toneladas de mercancía movidas polo porto o pasado ano permiten superar, máis dunha década despois, o anterior récord anual de tráficos en Vilagarcía, establecido en 2006 con 1.193.917 t.

Na comparación entre o actual récord e o anterior destaca o acusado cambio na achega correspondente a cada unha de tres principais categorías nas que se distribúen os tráficos portuarios: graneis sólidos, graneis líquidos e mercancía xeral.

En 2006, do 1.193.917 toneladas movidas, máis da metade correspondían á categoría de graneis sólidos, con 613.257 toneladas (51,4%), mentres que os graneis líquidos situábanse en segunda posición con 334.243 toneladas (28%). O peso da mercancía xeral ?a que aporta maior valor engadido- era aínda moi reducido, sumando só 246.417 toneladas (20,6%).

Na última década, a mercancía xeral gañou peso en Vilagarcía, ata supoñer case a metade dos tráficos deste porto (48,9%); os graneis sólidos representan o 35% dos tráficos, aproximadamente; e o 16,1% restante corresponde aos graneis líquidos.

A transformación experimentada polo Porto na última década, non só desde o punto de vista físico, senón tamén no referente aos produtos que se manipulan a través dos peiraos, foi posta de relevo pola presidenta na súa comparecencia. A mercancía xeral, grazas á irrupción dos contenedores, a subida do taboleiro e a consolidación do aluminio, pasou a ser a máis importante por número de toneladas movidas.

A presidenta destacou no seu balance do exercicio 2017 que estas cifras son “reflexo do crecente dinamismo do hinterland portuario, un hinterland que consideramos en expansión, xa que grazas ao desenvolvemento das nosas infraestruturas e servizos, e por suposto, ao labor de toda a comunidade portuaria -coa que colaboramos activamente a fin de lograr a maior eficiencia na nosa actividade- estamos en condicións de ser competitivos en mercancías, e para lugares de orixe ou destino que fai 11 anos non podiamos prever”.

Franco Malvar engadiu que tras superar uns anos moi difíciles por mor da crise económica, especialmente os exercicios de 2010 e 2011, “o porto de Vilagarcía -tanto a Autoridade Portuaria como os operadores portuarios- soubo reinventarse, abríndose a novos mercados, captando novas mercancías e aproveitando sinerxias, e ao mesmo tempo esforzámonos por ser máis competitivos a fin de manter ou incrementar os volumes de tráficos naqueles produtos que xa estaban presentes no porto, incidiendo en aspectos como nosa flexibilidade e adaptabilidade, para prestar aos nosos clientes o mellor servizo posible”.

A presidenta destacou que “a mellora dos nosos equipamientos e infraestructuras -nas que se investiron máis de 17 millóns de euros desde 2011- axudou a reforzar a posición do porto de Vilagarcía no conxunto de Puertos do Estado”, ó que tamén contribuíron os operadores e principais compañías asentadas no porto, moitas das cales acometeron así mesmo en 2017 importantes investimentos económicos para ampliar ou mellorar as súas instalacións e servizos. “A contribución de toda a comunidade portuaria, e a implicación dos traballadores da propia Autoridade Portuaria -apuntou Franco Malvar- foron claves para estes excelentes resultados”, que veñen referendar a importancia do porto como motor económico da comarca.

 

Balance tráficos 2017

En canto ao balance de tráficos de 2017, o maior volume de tráficos portuarios concéntrase na categoría de mercancía xeral, na que se moveron 586.958 toneladas, é dicir, aproximadamente a metade dos tráficos do ano (concretamente, un 48,9%). No apartado de graneis sólidos contabilízanse 421.101 toneladas (un 35%) e na categoría de graneis líquidos as toneladas ascenden a 193.701 toneladas (16,1%).

Na comparación co exercicio inmediatamente anterior, destaca a subida na categoría de graneis sólidos, dos que se moveron 100.000 toneladas máis que en 2016, o que supón un incremento porcentual do 31,4%. Tamén aumenta en cifras absolutas o movemento de graneis líquidos, dos que se contabilizan 9.500 toneladas máis que o ano anterior; en porcentaxe, o incremento é do 5,2%. Finalmente na mercancía xeral as toneladas contabilizadas supoñen o segundo mellor rexistro histórico do porto arousano nesta categoría, 14.000 toneladas por detrás do récord establecido en 2016.

No que se refire aos produtos máis destacados en cada categoría, na mercancía xeral o maior incremento porcentual rexístrase no tráfico de pasta de papel, cun crecemento do 59,1%, ata rozar a cifra de 12.000 toneladas movidas no ano. En cifras absolutas, e como vén sucedendo nos últimos exercicios, a mercancía contenerizada sitúase á cabeza non só desta categoría, senón de todos os tráficos portuarios, cun total de 34.502 TEUs movidos no ano (+6,8%), equivalentes a 293.932 toneladas. En segundo e terceiro lugar sitúanse o taboleiro e o aluminio, con 150.000 e 120.000 toneladas, respectivamente.

No apartado de graneis sólidos a maior parte dos produtos han ter un comportamento moi positivo, destacando sobre todo o incremento de cuarzo que se sitúa como o terceiro produto máis importante, por volume de tráficos, nesta categoría, con case 82.600 toneladas. En 2016, o total de cuarzo movido polo porto foi de 35.423 toneladas, co que o incremento porcentual foi do 133%. Por diante o cuarzo sitúase a urea, con 87.511 toneladas e un incremento do 3,6% con relación a 2016, e os cereales, dos cales contabilízanse 187.504 toneladas, case 45.000 toneladas máis que o ano anterior (+31,4%).

Finalmente, no apartado de graneis líquidos destaca a subida no movemento de aceite que por vez primeira sitúase como a mercancía máis importante nesta categoría por toneladas movidas, superando ao metanol. O incremento porcentual no movemento de aceite foi do 21,7%, ata superar as 76.000 toneladas.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.