facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Venres, 20-Setembro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
A Autoridade Portuaria resolve os concursos convocados para o aproveitamento turístico dos faros de Corrubedo e Punta Insua
Martes, 27 Febreiro 2018 16:36
AddThis Social Bookmark Button

corrubedo2 Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía adxudicou esta mañá os concursos convocados para o outorgamento de senllas concesións para o aproveitamento do potencial turístico dos faros de Corrubedo (Ribeira) e Punta Insua (parroquia de Lariño, Carnota).

Ambas iniciativas comparten un obxectivo: posibilitar a realización de actividades de tipo turístico (aloxamento) que puidesen favorecer o desenvolvemento de actividades culturais ou similares de interese social, complementadas ou non con restauración, nas edificacións e superficies anexas dos faros mencionados.

O procedemento para o outorgamento destas concesións continuará coa exposición dos proxectos a información pública e solicitude de informe ás administracións públicas. Posteriormente, os proxectos deberán recibir o visto bo do organismo público Puertos del Estado, que elaborará o informe preceptivo para a remisión do expediente ao Ministerio de Fomento, órgano que á súa vez o elevará ao consello de ministros. Unha vez se completen estes trámites, a Autoridade Portuaria poderá continuar o procedemento habitual para o outorgamento destas concesións.

A iniciativa para o aproveitamento turístico dos espazos non estrictamente necesarios para o servizo de axudas á navegación nos faros de Corrubedo e Punta Insua enmárcase no proxecto Faros de España, promovido polo Ministerio de Fomento e Puertos del Estado e que ten como propósito impulsar o desenvolvemento de actividades de tipo turístico nos espazos ociosos dos faros susceptibles de permitir estes usos complementarios.

A aposta polo aproveitamento do potencial turístico dos faros está en liña cunha das metas establecidas no vigente Plan Estratéxico da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, referida á posta en valor deste importante elemento patrimonial. A presidenta da Autoridade Portuaria destacou que con esta proposta, o porto de Vilagarcía posibilita que os faros sirvan como elemento dinamizador da súa contorna, articulando ao seu redor unha oferta turística e de tempo libre novedosa, respetuosa coa súa contorna e que permita a dar a coñecer a singularidade das propias construcións e o seu emprazamento.

Ademais, a creación destes establecementos hoteleros contribúe ao correcto mantemento e conservación destas edificacións, que en todo caso, manteñen como uso principal o de axuda á navegación.

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, destacou ante os membros do Consello que esta iniciativa reforza o papel da Autoridade Portuaria como axente de desenvolvemento económico e social, e adiantou que é intención do porto vilagarciano dar novos pasos nesta liña ao longo do presente ano.

A empresa adxudicataria do concurso para o faro de Corrubedo -ao que concorreron dúas firmas- foi Rianxo Xestións de Proxectos. A súa proposta prevé a creación dun hotel con restaurante e cafetería. O restaurante e a recepción estarán situados no edificio principal do faro. En canto ao hotel, contará cun total de 11 habitacións, repartidas en dúas das construcións auxiliares do complexo do faro. Unha cuarta construción dentro do complexo do faro se habilitará como cafetería-heladería.

Os diferentes edificios serán obxecto dunha intervención orientada cara á restauración e conservación das súas características orixinais. O proxecto prevé a habilitación entre as edificacións de itinerarios peonís construídos en listóns de madeira, realizando unha mínima intervención sobre a paisaxe para preservar o seu estado natural, salvo a instalación de iluminación exterior a nivel do chan.

A empresa adxudicataria do concurso oferta unha redución sobre o prazo máximo de concesión inicialmente autorizado quedando este establecido, de acordo coa proposta do adxudicatario, en 25 anos.

En canto ao faro de Punta Insua, ao concurso presentouse un único proxecto baixo a denominación Faro de Lariño, que se fixo coa adxudicación do concurso.
A iniciativa prevé a creación dun hotel de 10 habitacións o cal ocupará a práctica totalidade da superficie do faro, salvo a área reservada para o servizo de axudas á navegación. A oferta de Faro de Lariño complétase cun bar-taberna que se situará no antigo garaxe.
O prazo polo que se outorgará a concesión será de 30 anos, que é o máximo que prevían as bases da convocatoria. Os promotores desta iniciativa xa gestionan na actualidade o establecemento Semáforo de Fisterra, e apostan pola creación dunha marca paraguas que agrupe os dous establecementos.

Balance de tráficos

Por outra banda, a presidenta da Autoridade Portuaria deu conta aos membros do consello do balance provisional de tráficos dos dous primeiros meses do ano. O total de toneladas movidas ata hoxe superou as 190.000, 35.000 toneladas máis que nos dous primeiros meses do pasado ano. Desta cantidade, case 90.000 toneladas corresponden á mercancía xeral, máis de 71.500 a graneis sólidos e máis de 30.500 toneladas, a graneis líquidos.

Mantense a tendencia na evolución de tráficos portuarios que xa caracterizou aos últimos meses de 2017, cunha subida destacada no apartado de graneis sólidos, e en menor medida, no de graneis líquidos, mentres que a mercancía xeral mantense en niveis similares aos do pasado exercicio.
Por produtos, destaca o incremento no tráfico de metanol, que multiplicou por tres as súas cifras do pasado ano pasando de 5.000 toneladas entre xaneiro e febreiro de 2017 a máis de 15.000 toneladas este ano. Nos graneis sólidos, o incremento máis destacado corresponde aos cereais, que duplican os seus tráficos con respecto aos dous primeiros meses do pasado exercicio para achegarse á cifra de 23.500 toneladas entre xaneiro e febreiro. Moi preto do cereal sitúase o cuarzo, do cal contabilizáronse entre xaneiro e febreiro 22.000 toneladas, un 60% máis que nos dous primeiros meses de 2017. A urea e o cemento por instalación especial, pola súa banda, rexistran crecementos porcentuales de contorna ao 25%.

Finalmente, na mercancía xeral destaca o incremento no tráfico de taboleiro, case 8.000 toneladas máis que en 2017, o que lle permite alcanzar a segunda posición, por número de toneladas movidas, entre os produtos encadrados nesta categoría, só por detrás da mercancía contenerizada.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.