facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Xoves, 18-Xullo-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O valor da mercadoría movida polo porto estableceu en 2017 un novo récord: máis de mil millóns de euros
Venres, 01 Xuño 2018 14:16
AddThis Social Bookmark Button

consejo junio 18 1O valor global de todas as mercancías movidas polo porto de Vilagarcía de Arousa superou por primeira vez o pasado ano a cifra de mil millóns de euros. Concretamente, en 2017 polas instalacións do porto arousano movéronse mercancías por un valor total 1.019.453.991 euros, establecendo un novo récord anual, de acordo coas conclusións dun informe elaborado pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía.

A presidenta da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Sagrario Franco, deu a coñecer estes datos na sesión do Consello de Administración celebrada esta mañá, na mesma semana na que se conmemora o 130 aniversario da declaración do porto de Vilagarcía como de interese xeral (que se produciu o 30 de maio de 1888). Con ocasión desta data, a presidenta quixo destacar a importante achega que o porto de Vilagarcía realiza “para o desenvolvemento e pulo da economía en Vilagarcía e a súa comarca, xa que contribúe á competitividade das empresas de O Salnés, facilita o acceso a novos mercados e é peza crave nos procesos produtivos e logísticos de numerosas empresas da nosa contorna”.

“O 130 aniversario do porto arousano -engadiu Sagrario Franco- é unha ocasión idónea para poñer en valor o labor que realiza toda a comunidade portuaria, traballando para facilitar os intercambios comerciais, axilizar a loxística e optimizar os procesos produtivos das empresas da nosa área de influencia mediante a prestación de servizos eficientes e flexibles e a posta a disposición dos seus clientes e usuarios de infraestructuras adaptadas ás súas diversas necesidades; sei que compartimos con esta comunidade o énfasis na sustentabilidade nas nosas actuacións, e aspiramos a seguir mellorando cada día, para continuar contribuíndo, como desde fai 130 anos, á prosperidade económica, calidade ambiental e benestar social de Vilagarcía e de toda a comarca”.

A presidenta destacou especialmente o esforzo colectivo de empresas prestadoras de servizos portuarios e comerciais, e compañías asentadas no dominio público portuario, e tamén de todo o equipo humano da Autoridade Portuaria, pois a súa implicación “é fundamental para avanzar no cumprimento da nosa misión: Converter á comunidade portuaria de Vilagarcía de Arousa no referente loxístico da conectividade exterior e desenvolvemento socioeconómico do seu hinterland en expansión, así como un axente crave no tráfico marítimo do noroeste peninsular”.

Un dos mellores indicadores para comprender a importancia do labor do porto para toda a súa contorna é o estudo sobre o valor das mercancías movidas que cada ano elabora esta Autoridade Portuaria, dentro da súa Memoria de Sustentabilidade.

A redacción deste informe enlaza cos obxectivos establecidos polo Plan Estratéxico da Autoridade Portuaria de Vilagarcía e coa súa política de calidade e medioambiente, e a súa publicación responde ao compromiso que a Autoridade Portuaria asume ante a sociedade en canto ao seu modelo de xestión, e aos estándares de proximidade, axilidade, transparencia e responsabilidade que deben rexer a súa gobernanza.

Resultados do estudo

ANO

Valor industrial (€)

Mercancías (t) Inclúe tránsito terrestre

2010

406.682.629

831.475

2011

549.903.206

890.834

2012

717.249.175

1.079.958

2013

809.729.917

1.056.520

2014

813.560.194

1.070.297

2015

927.395.936

1.109.450

2016

956.775.311

1.194.301

2017

1.019.453.991

1.294.111

A Autoridade Portuaria vén realizando estudos sobre o valor das mercancías movidas polo porto dende hai case unha década, sendo moi destacable o incremento no valor das mercancías portuarias que se produciu nese periodo. Isto obedece non só ao aumento cuantitativo dos tráficos portuarios, senón tamén -e principalmente- á captación ou consolidación de produtos e mercancías con gran valor engadido. Así, desde o ano 2010, os tráficos no porto de Vilagarcía acumulan un incremento do 55%, mentres que nese mesmo periodo o valor das mercancías subiu un 150%.

Do valor total das mercancías, aproximadamente 8 de cada 10 euros corresponden a produtos movidos por vía marítima, mentres que o 20% restante procede de mercancías en tráfico terrestre. En euros, o valor total de mercancías en tráfico terrestre aproxímase aos 200 millóns de euros (concretamente, 197.508.602 euros).

A práctica totalidade deste valor apórtao a pesca conxelada, que se utiliza como materia prima nas industrias de transformación do sector situadas na zona de servizo da Autoridade Portuaria, e que supoñen unha importante fonte de emprego no porto.

É de destacar que, en toneladas, os produtos en tráfico terrestre supoñen só o 6,8% do total de mercancías que entran ou saen do porto, mentres que en valor esta porcentaxe case se triplica, chegando ao 19,4%.

No que respecta ás restantes categorías, a mercancía xeral aglutina concentra case dúas terceiras partes do valor global de produtos movidos polo porto arousano (667.757.018 euros). Os graneis sólidos aportan un 5,8% do valor total dos tráficos portuarios (59.441.657 euros), e os graneis líquidos, un 9,3% (94.746.714 euros).

Grupo Mercancías

Toneladas

% sobre o total

Valor en euros

% sobre o total

Mercancía Xeral

586,958

45,5 %

667.757.018

65,5 %

Graneis Sólidos

421,101

32,7 %

59.441.657

5,8 %

Graneis Líquidos

193.687

15 %

59.441.657

9,3 %

Tráfico Terrestre

88.157

6,8 %

197.508.602

19,4 %

Na comparación entre toneladas e valor engadido a mercancía xeral, que supuxo o 45,5% das toneladas movidas polo porto, representa o 65,5% do valor. Os graneis sólidos, que en volume suman un 32,7%, aportan un 5,8% do valor. Os graneis líquidos foron un 15% do total de mercancías por número de toneladas, e representaron o 9,3% do valor total. Finalmente, o tránsito terrestre é a categoría á que corresponde o 6,8% das toneladas, pero en valor esta cifra increméntase ata o 19,4%, como xa se apuntou. O total de produtos en tráfico marítimo estableceu en 2017 un novo récord no seu valor, superando os 821 millóns de euros.

No que se refire aos produtos ou mercancías que maior achega de valor realizan a este cómputo global destaca, en primeiro lugar, a mercancía contenerizada, cuxo valor en 2017 ascendeu a 291.841,912 euros. Os diferentes produtos movidos por contenedor na liña operada pola compañía Boluda e que cobre o percorrido Bilbao-Vilagarcía-Lisboa-Illas Canarias repiten un ano máis en primeira posición neste estudo.

A segunda e terceira posición corresponden tamén a produtos encadrados na categoría de mercancía xeral: como segunda mercancía que maior valor aporta sitúase o aluminio bruto de importación (241 millóns de euros), que entra o porto de Vilagarcía para ser posteriormente distribuído a un amplo hinterland. O terceiro produto que máis valor aporta ao total de tráficos é o taboleiro ou madeira técnica que sae a través do porto de Vilagarcía, cuxo valor ascendeu a case 66 millóns de euros.

En cuarta posición entre todos os tráficos portuarios polo seu valor industrial sitúase, por vez primeira, o aceite, cuxo valor supera non só ao do metanol (na categoría de graneis líquidos), senón tamén á pesca conxelada. Así, o aceite tivo un valor de 54,6 millóns de euros (un 15% máis que o ano anterior) e a pesca conxelada en tráfico marítimo sumou 54 millóns de euros.

En canto aos graneis sólidos, a maior achega corresponde aos cereais, considerados en conxunto, e cuxo valor foi de 30,7 millóns de euros, situándose en segundo lugar a urea, cun valor industrial de case 19 millóns de euros. O valor total dos produtos encadrados nesta categoría aumentou en 2017 un 22% con respecto a 2016.

Na comparación entre mercancías embarcadas e desembarcadas, as primeiras alcanzaron un valor de máis de 380 millóns de euros, o que supón o 46% do total dos produtos en tráfico marítimo, mentres que en toneladas representa o 42% do total. As mercancías desembarcadas, pola súa banda, alcanzaron un valor de 441 millóns de euros, o que representa o 54% do valor industrial das mercancías en tráfico marítimo, sendo en toneladas o 58% do total. No entanto, na mercancía xeral o valor dos produtos embarcados xa supera ao dos desembarcados, o cal evidencia a importancia do porto de Vilagarcía para o tecido produtivo do hinterland portuario (que abarca todo o noroeste peninsular), ao facilitar a saída e o acceso a mercados exteriores das empresas da contorna, favorecendo a súa competitividade.

Cambios no Consello de Navegación e Porto

Por outra banda, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria aprobou na súa sesión de hoxe unha serie de cambios na composición do Consello de Navegación e Porto e do Comité de Servizos Portuarios, cuxa finalidade é dotar a estes órganos consultivos dunha maior representatividade, dando cabida nos mesmos a un maior número de organizacións sectoriais e profesionais, atendendo aos cambios que se produciron nos últimos meses no sector marítimo-portuario e do transporte, a nivel asociativo.

Porto de Vilagarcía, 1 de junio de 2018.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.