A Autoridade Portuaria de Vilagarcía, na súa aposta por unha xestión do dominio público portuario que maximice as posibilidades do seu aproveitamento desde unha perspectiva que prioriza a eficiencia e a sustentabilidade, vénse de dotar de instalacións específicas para o turismo náutico.
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía destina a este fin o peirao-pantalán da dársena 2, que xa entrou en servizo. A dispoñibilidade dunha infraestrutura especialmente deseñada para este tipo de embarcacións facilita a operativa portuaria e o embarque e desembarque de pasaxeiros, e a súa situación, moi próxima ao centro urbano, favorece que os visitantes coñezan os atractivos da cidade.
O peirao-pantalán da dársena 2 acolle desde o comezo desta tempada o atraque de catamaráns turísticos no marco da iniciativa Cruceiros Costeiros de Galicia, promovida por Turismo de Galicia e Portos de Galicia, e na cal a Asociación Galega de Actividades Náuticas Agan+ desenvolveu diversos itinerarios dentro do proxecto Ecodestin 3_IN, financiado mediante Fondos FEDER co obxectivo de converter a Galicia en destino náutico de excelencia internacional, sendo o propósito de Vilagarcía ser referente neste ámbito, na Ría de Arousa. O produto turístico Cruceiros Costeiros de Galicia, que se comercializa a través de 8.500 axencias de toda España, consiste nunha travesía polas Rías de Arousa, Pontevedra e Vigo de ata seis días de duración, con visitas aos principais atractivos turísticos da zona.
A proposta inclúe excursións en terra a espazos naturais, museos, cascos históricos, etc., realizándose os desprazamentos entre os diferentes destinos en barco (e adicionalmente, en autocar), e pernoctando en hoteis. Desde o comezo da tempada producíronse seis escalas, estando previstas outras seis nas próximas semanas e ata o mes de outubro, o que supón unha cifra global de 500 pasaxeiros, aproximadamente.
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía tamén está adscrita ao programa "Descubrindo as rías", que ten como obxectivo dar a coñecer as localidades costeiras galegas, con énfase nos aspectos patrimoniais, por medio de itinerarios náutico-culturais dun día de duración. A proposta oriéntase fundamentalmente cara a un público local e rexional, e especialmente a colectivos como asociacións de maiores de 55 anos, e asociacións de mulleres. No marco deste programa está prevista ata a data unha excursión con orixe e chegada no Porto de Vilagarcía, que se realizará este mes de agosto.
O peirao-pantalán da dársena 2 foi unha das obras de dotación de infraestrutura portuaria acometidas o pasado ano. Un investimento de aproximadamente 335.000 euros, parcialmente financiados con cargo ao Fondo de Compensación Interportuario, permitiu a demolición parcial do dique de abrigo da dársena 2, no seu tramo final, e a creación no seu lugar dun peirao-pantalán.
Esta actuación serviu para diversificar as infraestruturas portuarias e ampliar a oferta existente na nosa contorna para a acolleita de viaxes colectivas ou chárters náuticos. Estas travesías de curta duración (viaxes organizadas en veleiro, catamarán, etc.), están adquirindo unha crecente importancia como alternativa turística, polo que a Autoridade Portuaria abordou a conveniencia de dotarse dunha instalación específica da súa titularidade para o amarre de embarcacións turísticas. |