Vilagarcia recibe hoxe a escala do cruceiro "Nautica", con máis de 650 pasaxeiros e case 400 tripulantes |
Xoves, 04 Outubro 2018 14:07 |
Durante a xornada de hoxe está facendo escala no porto de Vilagarcía o cruceiro “Nautica”, da naviera Oceania Cruises. A bordo deste buque, con bandeira das Illas Marshall, viaxan 652 pasaxeiros, gran parte deles de nacionalidade estadounidense, e 394 tripulantes.
O buque arribou a Vilagarcía ao filo das sete da mañá e a súa saída está prevista para as cinco da tarde. A escala do “Nautica” en Vilagarcía está consignada pola empresa PJ Carrasco.
O “Nautica” arribou a Vilagarcía procedente de Bilbao e efectuará a súa saída esta tarde, con destino ao porto de Lisboa. Trátase dun barco con 181 metros de eslora e case seis de calado, o maior dos programados para esta tempada no Porto de Vilagarcía. O buque atópase atracado no peirao de Comboa, seleccionado para esta escala debido a que a eslora do buque non permite o seu atraque no Ramal, o peirao que a Autoridade Portuaria ten designado como atraque preferente para os cruceros.
A escala deste crucero coincidiu coa visita que esta mañá realizaron á Autoridade Portuaria un grupo de medio centenar de estudantes franceses, que están pasando uns días de intercambio en varios centros de ensino secundario do municipio. Logo de asistir a unha presentación sobre o Porto de Vilagarcía, os mozos realizaron un percorrido en autocar polos diferentes peiraos, o que lles permitiu coñecer de primeira man a actividade que se desenvolve nas instalacións xestionadas pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía. |