facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Sábado, 23-Marzo-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O Porto incrementa os seus tráficos con respecto a 2017 e supera os 1,1 millóns de toneladas ata novembro
Mércores, 12 Decembro 2018 16:19
AddThis Social Bookmark Button

muelle31.10.18 foto 1A presidenta da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Sagrario Franco, deu a coñecer aos membros do Consello de Administración na súa última sesión o balance provisional de tráficos portuarios. Nos once primeiros meses de 2018, os tráficos incrementáronse un 0,9%, alcanzándose xa a cantidade de 1.107.415 toneladas.

Ata o remate de novembro, os tráficos do Porto mantéñense aproximadamente 10.000 toneladas por riba dos do mesmo periodo do pasado ano, exercicio no que se estableceu un máximo anual de movemento de mercancías polo porto, superando por vez primeira a cifra de 1,2 millóns de toneladas movidas no ano.

Nos once primeiros meses de 2018, os tráficos incrementáronse un 0,9%, alcanzándose xa a cantidade de 1.107.415 toneladas movidas, dez mil toneladas máis que no mesmo periodo do pasado ano.

Por categorías, destaca o incremento no tráfico de graneis sólidos, grazas sobre todo ao maior movemento de cuarzo que, con case 118.000 toneladas cargadas entre xaneiro e novembro, incrementa nun 55% os seus tráficos de 2017 situándose en segundo lugar entre as mercancías movidas neste apartado, só por detrás do cereal. Cemento, urea e fosfato tamén melloran con relación a 2017. O total de graneis sólidos movidos ata a data ascende a case 400.000 toneladas: concretamente, 396.929, un 7,25% máis que o ano anterior.

No apartado de graneis líquidos movéronse entre xaneiro e decembro 165.708 toneladas. Nesta categoría destaca o bo comportamento do aceite que á conclusión de novembro superaba xa o máximo anual establecido en 2017. Así, nos once primeiros meses do ano movéronse 82.708 toneladas de aceite, fronte ás 76.525 contabilizadas en todo 2017. O aceite, descargado e almacenado na terminal de graneis líquidos coa que a compañía galega Aceites Abril conta no Porto de Vilagarcía, continúa así coa senda de crecemento que vén mostrando desde a apertura desas instalacións, no ano 2015.

A primeira posición no reparto de tráficos portuarios continúa correspondendo á mercancía xeral, con 544.777 toneladas nos once primeiros meses do ano, cifra moi similar á do pasado ano. Desta cantidade, máis da metade corresponde ao movemento de contenedores a través da liña da compañía Boluda que enlaza o porto de Vilagarcía con Lisboa, as Illas Canarias e Bilbao. Os contenedores consolídanse como un importante motor dos tráficos portuarios, incrementándose os seus tráficos un 2,5% con respecto ao mesmo mes do pasado ano, ata alcanzar as 275.625 toneladas. Nesta categoría de mercancía xeral, taboleiro e aluminio sitúanse en cifras similares ás do pasado exercicio, do mesmo xeito que a pesca conxelada, mentres que o tráfico de madeira triplícase e supera as 9.000 toneladas, o mellor rexistro desde 2010.

A presidenta da Autoridade Portuaria expuxo ante os membros do Consello que “con estas boas cifras e as previsións de operativas para as próximas semanas, terminaremos o ano cun dos mellores rexistros de tráficos da historia do porto de Vilagarcía, e confiamos en poder bater, por segundo ano consecutivo, o noso récord histórico de movemento de mercancías”.

Sagrario Franco puxo énfase na relevancia deste dato “non só para a Autoridade Portuaria e os seus operadores, senón tamén para toda a zona de influencia do porto, pois as cifras poñen de manifesto o dinamismo da comarca á que atende o porto” e a importancia das instalacións do porto de Vilagarcía, e o labor da súa comunidade portuaria, nos procesos produtivos e loxísticos das empresas da nosa contorna.