facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Domingo, 26-Maio-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O Porto establece un novo récord de tráficos e consolida a cifra de 1,2 millóns de toneladas no ano
Xoves, 10 Xaneiro 2019 13:52
AddThis Social Bookmark Button

aluminio 1O Porto de Vilagarcía pechou o ano 2018 establecendo, por segundo exercicio consecutivo, un récord anual de tráficos portuarios. En total, movéronse polas instalacións do porto de Vilagarcía 1.207.571 toneladas, de acordo cos datos provisionais da Autoridade Portuaria.

Deste xeito, consolídase a cifra de 1,2 millóns de toneladas de mercancías movidas no ano, cantidade que se alcanzou por primeira vez en 2017. O incremento porcentual de tráficos con respecto ao ano anterior é do 0,48%. A mercancía xeral supuxo prácticamente a metade dos tráficos do exercicio, contabilizándose un total de 595.575 toneladas nesta categoría, o segundo mellor rexistro da historia do porto arousano. No apartado de graneis sólidos movéronse 444.188 toneladas, o que representa o 36,8% do total de tráficos portuarios. Finalmente, no apartado de graneis líquidos o total de mercancía movida foi de 167.809 toneladas (un 13,9% do total).

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, destacou que as cifras poñen de manifesto non só o excelente labor da comunidade portuaria arousá na captación e consolidación de tráficos portuarios, senón tamén a importancia do porto de Vilagarcía para a cidade, a comarca e toda a súa área de influencia. “A nosa misión é que a actividade do porto de Vilagarcía contribúa á dinamización do tecido produtivo e logístico do noso hinterland, constituíndonos nun referente para a súa conectividade exterior: nun esforzo conxunto dos operadores instalados en Vilagarcía e a Autoridade Portuaria, traballamos para facilitar o acceso a novos mercados e optimizar procesos loxísticos, poñendo énfase na sustetabilidade, a axilidade e a eficiencia en todas as nosas actuacións e dando resposta ás necesidades dos nosos clientes actuais e potenciais, para coadxuvar así no desenvolvemento socioeconómico de Vilagarcía e a súa bisbarra”.

A presidenta resaltou o incremento de tráficos que se rexistrou nas categorías de mercancía xeral e graneis sólidos con relación ao ano 2017, e que foi do 1,47% e do 5,48%, respectivamente. Nestas categorías encádrase case o 90% dos tráficos do porto arousano.

No apartado de mercancía xeral, o ano péchase cun novo máximo anual de movemento de contenedores, superándose por vez primeira a cifra de 35.000 TEUs no ano. Concretamente, a liña operada pola compañía Boluda a través da terminal de Ferrazo, e que enlaza Vilagarcía con varios portos canarios, así como como Lisboa e Bilbao, moveu en 2018 un total de 35.039 TEUS, equivalentes a 304.283 toneladas. Os contenedores representaron en 2018 case a metade dos tráficos de mercancía xeral no porto, cifra similar á de exercicios anteriores.

Por detrás dos contenedores situáronse nesta categoría o taboleiro e o aluminio, dos que se moveron 145.023 toneladas e 117.375 toneladas, respectivamente. En términos relativos, é preciso destacar o incremento no movemento de madeira, que pasou de 3.000 toneladas en 2018 a máis de 13.000 en 2018. A pesca conxelada alcanzou a cifra de 7.856 toneladas, lixeiramente por riba dos datos de 2017, mentres que nesta categoría só a pasta de papel quedou por baixo dos seus resultados do ano anterior.

No apartado de graneis sólidos, os cereais e a súas fariñas mantéñense como o produto con maiores tráficos e suman 162.611 toneladas, cun descenso do 13,28% con relación ao ano anterior. No entanto, o excelente comportamento dos restantes produtos incluídos nesta categoría permite un resultado global moi positivo, con 23.000 toneladas máis que no exercicio anterior. Destaca principalmente o cuarzo, que incrementa os seus tráficos ata elevarse á segunda posición nesta categoría de graneis sólidos. En total, movéronse 117.948 toneladas deste produto, cun aumento de máis de 35.000 toneladas con relación ao ano anterior ( +42,79%). En terceiro lugar sitúase a urea, con 88.342 toneladas (+0,95%) e a cuarta posición corresponde ao cemento por instalación especial, con 58.731 toneladas (+5,65%). En cifras relativas o maior incremento porcentual nesta categoría durante o ano 2018 corresponde ao fosfato, produto do que se moveron 10.537 toneladas fronte ás 5.828 toneladas do ano anterior.

Finalmente, no apartado de graneis líquidos, e pese a non terse conseguido igualar os rexistros de 2017, destaca como dato moi positivo o incremento no movemento de aceite, que con 82.712 toneladas movidas establece un novo récord anual no porto de Vilagarcía, cun incremento porcentual do 8,09% con relación ao ano anterior. O aceite para consumo humano que se descarga en Vilagarcía almacénase nas instalacións coas que a aceitera ourensá Aceites Abril conta no porto vilagarciano, e que constitúe unha peza crave na loxística desta destacada empresa galega.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.