facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Xoves, 18-Xullo-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O tráfico de mercadoría xeral cuadriplicouse dende 2010, con especial protagonismo para os contedores
Luns, 18 Febreiro 2019 17:27
AddThis Social Bookmark Button

descarga aluminio 2017O Porto de Vilagarcía estableceu ao remate de 2018 un novo máximo anual de tráficos portuarios, alcanzando a cifra de 1.207.570 toneladas, sendo o segundo ano consecutivo en que se bate o récord de tráficos portuarios.

Case a metade do movemento de mercadorías corresponde a produtos encadrados na categoría de mercancía xeral, que desde o ano 2010 cuadriplicou os seus tráficos no porto de Vilagarcía. Neste mesmo periodo, o incremento do global de mercancías portuarias (graneis sólidos, graneis líquidos e mercancía xeral) foi do 66%.

O aumento no tráfico de mercadoría xeral a través dos peiraos arousanos é o dato máis destacado na comparativa de datos do periodo 2010-2018. Así, pasouse dun total de 130.915 toneladas de mercadoría xeral en 2010 a case 600.000 toneladas o pasado ano, o que supón que se multiplicou por 4,5. O incremento dos tráficos do porto de Vilagarcía nesta categoría obedece principalmente á incorporación e consolidación de novos produtos e mercancías ao conxunto de tráficos regulares do porto arousano. O caso máis destacado é dos contedores movidos a través da terminal situada na ampliación do peirao de Ferrazo (3.709 toneladas de mercancía contenerizada en 2010 fronte a máis de 300.000 toneladas o pasado ano) cuxa liña semanal, operada pola compañía Boluda, facilita ás empresas do porto e o seu hinterland o acceso a novos mercados.

Outras mercancías que tamén creceron neste periodo son o taboleiro exportado a través do porto de Vilagarcía (94.365 toneladas en 2010, 145.023 o pasado ano), o aluminio (16.722 toneladas en 2010, 117.375 toneladas -procedentes na súa totalidade doutros países europeos- en 2018), a pesca conxelada (sen tráficos en 2010, case 8.000 toneladas o pasado ano), ou a pasta de papel, con 2.000 toneladas en 2010 e case 6.500 toneladas en 2018.

Cómpre recordar que os produtos incluídos na categoría de mercancía xeral só os que aportan máis valor engadido de todas as mercancías movidas a través das instalacións portuarias.

O crecemento da mercancía xeral é o principal responsable de que, no periodo 2010-2018, o global de tráficos portuarios se incrementase un 66%: 728.712 toneladas en 2010 fronte a 1.207.570 toneladas o pasado ano.

No apartado de graneis líquidos, e analizando os datos de 2018, destaca a primeira posición que ocupa o aceite, con case 83.000 toneladas movidas. O aceite vexetal para consumo humano descárgase e almacena nas instalacións coas que a empresa Aceites Abril conta no porto arousano, instalacións inauguradas no ano 2015 e que xogan un papel importante na loxística da firma aceitera ourensana. Desde a entrada en funcionamento desta terminal de líquidos, batéronse consecutivamente tres récords anuais de movemento de aceite a través do Porto de Vilagarcía. En 2010, encabezaba o tráfico de graneis líquidos o fuel con máis de 95.000 toneladas -produto que leva algúns anos ausente no balance de tráficos portuarios-. Nos dous casos, a segunda posición ocúpaa o metanol, seguida da parafina. O total de graneis líquidos movidos en 2018 foi de 167.809 toneladas fronte a 188.656 toneladas contabilizadas en 2010.

En canto aos graneis sólidos, en 2010 o primeiro tráfico nesta categoría eran os cereais (194.154 toneladas), seguidos do cemento (144.739 t) e a urea (68.305 t). O pasado ano logo dos cereais (162.611 toneladas) situouse o cuarzo (117.948 t) e a urea mantivo a terceira posición aínda que mellorando as súas cifras de 2010 (88.342 t), descendendo o cemento ata a cuarta praza (58.731 t). O total de tráficos nesta categoría, 448.216 toneladas, sitúase por encima das 409.142 toneladas rexistradas en 2010.

As cifras poñen de manifesto un importante envorco na composición de tráficos portuarios na presente década. Así, mentres que en 2010 a mercancía xeral supoñía só o 18% dos tráficos portuarios, e os graneis sólidos e líquidos representaban respectivamente o 56% e o 26% dos tráficos a través do porto de Vilagarcía, o pasado ano encadráronse na categoría de mercancía xeral o 49% dos produtos movidos polos peiraos arousáns, correspondendo un 37% aos graneis sólidos e un 14% aos graneis líquidos.

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, considera “unha satisfacción comprobar que a Autoridade Portuaria e toda a comunidade portuaria soubo superar uns exercicios especialmente difíciles para, menos dunha década despois, dar un envorco total á situación, xa que o pasado exercicio establecemos por segundo ano consecutivo un máximo anual de movemento de mercadorías”.

A presidenta da Autoridade Portuaria engadiu que isto “non sería posible sen o labor do equipo humano deste organismo e a implicación e o empeño da comunidade portuaria, envorcados en sacar o máximo partido do potencial do noso porto, das súas fortalezas e das oportunidades que ofrece como plataforma loxística ao servizo de todo o noroeste peninsular”.

Sagrario Franco destacou que, coincidindo con este periodo, producíronse importantes fitos na operatividade portuaria que permitiron transformar a actividade do porto de Vilagarcía, citando como exemplos a reactivación da terminal de contedores da man da empresa Boluda, a posta en servizo da ampliación do peirao Comercial, a inauguración de Posto de Inspección Fronteriza ou a extensión da rede ferroviaria do porto. Unha vez completada esa fase de dotación de infraestruturas, a Autoridade Portuaria está centrada na optimización do aproveitamento do dominio público portuario. “Desde a miña chegada á presidencia da Autoridade Portuaria, en agosto de 2011, traballamos para coñecer e entender as prioridades e necesidades dos nosos clientes, e telas en conta na planificación e ordenación do noso porto”, cunha distribución de espazos que atende as actuais necesidades -puntuais ou permanentes- dos diferentes operadores sen coartar as posibilidades de crecemento en forma de captación ou consolidación de tráficos a medio e longo prazo.

Neste sentido, a presidenta recordou a importancia da ordenación urbanística dos terreos obtidos coas ampliacións dos peiraos de Comercial e de Ferrazo, ordenación que está pendente da realización de trámites municipais. Sagrario Franco apuntou que “o bloqueo deste trámite urbanístico por parte do Concello, que é a institución encargada de realizalo, prexudica fundamentalmente aos clientes e usuarios do porto de Vilagarcía, e tamén a toda a cidadanía, xa que o noso obxectivo de destinar O Ramal a usos cidadáns non poderá materializarse ata que non podamos obter unha capacidade de almacenamiento alternativa á que ofrecen as naves de O Ramal nas zonas da ampliación de Ferrazo e Comercial”.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.