facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Martes, 15-Outubro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O proxecto Ecodestin investirá 20.000 euros nunha iniciativa piloto orientada a pequenos cruceiros costeiros no pantalán do Cavadelo
Xoves, 28 Febreiro 2019 16:00
AddThis Social Bookmark Button

visita muelle pantalan 1Un investimento de aproximadamente 20.000 euros, a levar a cabo antes do verán, fará do peirao pantalán da dársena 2 o porto piloto no que se implantarán e testarán diversas tecnoloxías desenvolvidas no marco do programa Ecodestin_3in.

A iniciativa foi presentada onte na Autoridade Portuaria de Vilagarcía, nun acto que contou coa presenza da presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco; o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán; José Manuel Fernández, vicepresidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas AGAN+; Elena Fernández Antonio, técnica do proxecto Ecodestin; e Alfonso González Gallego, responsable do Departamento Comercial da Autoridade Portuaria. Ecodestin_3in é un programa que ten como obxectivo promover e poñer en valor o patrimonio natural e cultural, convertendo Galicia e os seus municipios en Destinos Náuticos Culturais accesibles, integradores, intelixentes e internacionais.

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, destacou o papel que desempeña este organismo como axente de desenvolvemento económico e social, o cal “implica a nosa actuación no ámbito porto-cidade, non só desde o punto de vista do espazo físico, senón tamén do apoio que prestamos a diversas iniciativas orientadas a dinamizar o tecido socio-económico de Vilagarcía”. Sagrario Franco apuntou que os investimentos programados no porto arousano no marco do programa Ecodestin “permitirán consolidar a posición do porto de Vilagarcía neste sector turístico, ao facilitar que tanto compañías navieras como de chárter utilicen de forma sinxela estas instalación”. A presidenta recordou que a Autoridade Portuaria investiu aproximadamente 335.000 euros na transformación do antigo dique de abrigo da dársena 2 nun peirao pantalán, que xa o pasado ano foi utilizado por diversas embarcacións turísticas para os seus atraques en Vilagarcía.

As actuacións adicionais que se van a acometer agora supoñen, explicou Franco Malvar, “unha diferenciación en positivo, e unha oportunidade de atraer novos visitantes a Vilagarcía e que coñezan non só o noso porto senón tamén a cidade, xa que o peirao pantalán está moi próximo ao centro urbano. Así, desta aposta polo turismo náutico beneficiarase tamén a hostelería, a restauración e o comercio local”.

Pola súa banda o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, explicou este organismo é un dos socios do proxecto Ecodestin, vinculado ao nautismo no arco atlántico europeo, e cuxa finalidade é que “o músculo da náutica de recreo galega, xa moi ben situada no arco atlántico, se engrose con novas iniciativas e novas oportunidades”. José Juan Durán destacou o labor promocional da náutica galega realizado pola Xunta de Galicia nos últimos anos, e ofreceu datos do pasado ano, no que se contabilizaron máis de 10.100 embarcacións en tránsito nos portos galegos (tanto en autonómicos como de titularidade estatal). O presidente de Portos de Galicia resaltou a importancia de Ecodestin pola súa aposta pola excelencia na prestación de servizos náuticos, e a innovación, e explicou que as tecnoloxías implantadas con carácter piloto na Autoridade Portuaria de Vilagarcía trasladaranse posteriormente en varios portos de titularidade autonómica.

José Manuel Fernández, vicepresidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas AGAN+, desgranou as cifras do pasado exercicio nos diferentes programas de promoción do turismo naútico postos en marcha por esta asociación no marco do programa Ecodestin. Así, foron case 5.000 as persoas que durante a campaña 2018, desenvolvida entre abril e outubro, puideron achegarse á riqueza cultural e histórica de ríalas galegas, a través de itinerarios turísticos por vía marítima. Cruceiros Costeros foi a alternativa que contou cun maior número de saídas (65), seguida de Descubrindo as Rías (34) e saídas orientadas a colectivos e axencias de viaxes (5). A previsión desta organización é alcanzar este ano a cifra de 6.000 participantes.

En canto ás actuacións concretas que se van a desenvolver no peirao-pantalán da dársena 2, estas foron expostas por Elena Fernández Antonio, técnica do proxecto Ecodestin da asociación Agan+.

Elena Fernández explicou que as iniciativas postas en marcha no marco do programa Ecodestin teñen como finalidade a valorización do patrimonio da provincia de Pontevedra e norte de Portugal a través da náutica, con tres eixes de actuación principais: converter a Eurorregión nun destino náutico Internacional, Innovador, Integrador baixo parámetros de calidade e sustentabilidade; converter a Eurorregión nun destino educativo cultural e deportivo de alto nivel, ademais de situalo como destino universitario náutico internacional; e mellorar a accesibilidade dos portos como portas de entrada ao patrimonio natural e cultural.

As estratexias do proxecto son a creación do produto turístico Cruceiros Costeros, a utilización da tecnoloxía para facilitar o acceso a recursos turísticos, a mellora da accesibilidade nos portos a través das novas tecnoloxías, a creación de portos turísticos, e a creación de portos accesibles para persoas en situación de discapacidade. No caso do porto de Vilagarcía, están programadas varias actuacións que se conectan coas mencionadas estratexias: porto de escala desasistido mediante un equipo de chave electrónica; espazo web de reservas; entrada a porto con aplicación de realidade aumentada; mirador desde o mar cunha aplicación de realidade aumentada, e ruta guiada con APP de realidade aumentada.

O investimento total a realizar para implementar estas ferramentas tecnolóxicas asociadas ao momento de atraque no peirao pantalán da dársena 2 ascende a uns 20.000 euros e prevese que estean operativas antes do verán.

Porto de Vilagarcía, 28 de febrero de 2019.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.