facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Luns, 17-Febreiro-2020
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
Os tráficos do Porto de Vilagarcía superan o millón de toneladas e medran por riba da media do sistema portuario
Venres, 11 Outubro 2019 12:19
AddThis Social Bookmark Button

descarga1O Porto de Vilagarcía acaba de superar o millón de toneladas de mercancía movidas neste exercicio. Así llo comunicou a presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, aos membros do Consello de Administración na sesión celebrada esta mañá.

Concretamente, a data de hoxe, contabilízanse 1.028.191 toneladas movidas no porto arousano, o cal supón 50.000 toneladas máis que as movidas ao remate de outubro do pasado ano. A presidenta apuntou que “iso nos permite ser optimistas achega da posibilidade de establecer, a conclusión deste exercicio, un novo récord anual de tráficos portuarios, que sería o terceiro consecutivo”. A estes bos resultados globais de tráficos portuarios contribuíron enormemente as excelentes cifras do mes de setembro, no que se moveron máis de 148.000 toneladas de mercancía.

Nos nove primeiros meses do ano, o incremento de tráficos portuarios foi do 13,02%. O total de mercancías movidas ata o 30 de setembro foi de 990.703 toneladas, fronte ás 876.572 toneladas do mesmo periodo do pasado exercicio, mentres que no que vai de outubro contabilízanse 37.492 toneladas.

Este incremento dos tráficos está sustentando por subidas nas tres categorías de tráficos portuarios. Os produtos encadrados na categoría de graneis sólidos experimentan ata a remate de setembro o maior crecemento, cun 19,25% máis que no mesmo periodo do pasado ano. O total de toneladas movidas nesta categoría foi de 367.521. Os graneis líquidos soben un 9,75% e aportan un total de 138.446 ao balance de tráficos portuarios, mentres que a mercancía xeral aumenta un 9,61% sumando ata o 30 de setembro un total de 484.735 toneladas.

Por produtos, na categoría de graneis líquidos o aceite destinado á terminal que a aceitera galega Aceites Abril ten no porto de Vilagarcía suma 73.442 toneladas (+18,38%), aínda que o maior incremento porcentual rexístrao a parafina, que sobe un 48,37% ata alcanzar as 10.673 toneladas movidas. O metanol, ligeramente por baixo das súas cifras de 2018, aporta máis de 50.000 toneladas.

Nos graneis sólidos cabo destacar o gran crecemento no movemento de cereais e as súas fariñas, reflexo do impulso que as descargas desta mercancía experimentou nos meses de agosto e setembro. Á conclusión do terceiro trimestre do ano, este produto aporta 151.701 toneladas ao balance de tráficos portuarios fronte ás menos de 94.000 toneladas do mesmo periodo de 2019, o que se traduce nun incremento porcentual do 61,56%. Esta subida permite a cereais e as súas fariñas alcanzar a primeira posición por volume de tráfico nesta categoría; a continuación sitúanse o cuarzo, con 85.890 toneladas movidas, a urea (61.170 t) e o cemento por instalación especial, que tamén viu incrementados os seus tráficos de xeito notable: unha subida porcentual do 17,29% fai que o total de cemento descargado ata setembro sexa de 51.301 toneladas. Globalmente, movéronse nesta categoría, ata o 30 de setembro, 59.322 toneladas máis que no mesmo periodo do pasado ano.

Finalmente, na categoría de mercancía xeral prácticamente todos os produtos melloran os seus registros con respecto aos tres primeiros trimestres de 2019. Os contenedores aportan case 250.000 toneladas neste balance: concretamente, 248.298 toneladas, equivalentes a 29.517 TEUs, cun incremento do 12,13% en número de TEUs en comparación coas cifras de setembro de 2019. O taboleiro e o aluminio, segundo e terceiro produto, respectivamente, nesta categoría, por número de toneladas movidas, atópanse tamén en registros moi positivos. Ata o 30 de setembro movéronse polo porto vilagarciano 111.506 toneladas de taboleiro (+1,54%) e 103.118 toneladas de aluminio (+15,20%). A pasta de papel mantén e ata incrementa o crecemento xa apuntado no balance semestral de xuño con case 13.000 toneladas movidas polo porto arousano, fronte ás 2.491 toneladas do mesmo periodo do pasado exercicio.

Na comparación cos datos do sistema portuario, as cifras do porto de Vilagarcía superan claramente o crecemento medio rexistrado polo conxunto de portos estatais. Así, ata agosto (último mes do que se dispón de datos globais) a Autoridade Portuaria de Vilagarcía era a quinta con maior incremento porcentual dos seus tráficos de todo o sistema, por detrás de Málaga, Santander, Huelva e Cádiz. O sistema creceu de media un 1,91% ata agosto mentres que nese mesmo periodo os tráficos do porto de Vilagarcía subiron un 9,37%, incrementándose ata o xa apuntado 13,02% ao remate de setembro. O porto arousano tamén creceu ata agosto por encima da media nacional en graneis sólidos (+18,17% fronte ao -9,96% do sistema) e mercancía xeral (+5,21% fronte ao +3,42% do sistema).

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, destacou na súa intervención ante o Consello que “as estatísticas do porto de Vilagarcía ata setembro, con destacados crecementos nas categorías de graneis líquidos, graneis sólidos e mercancía xeral, poñen de manifesto unha das principais fortalezas do noso porto, como é a diversificación dos seus tráficos. O labor da nosa comunidade portuaria, sempre proactiva, foi e continúa sendo fundamental para que este porto poida ofrecer unha atención personalizada ás necesidades dos sectores produtivos do noso hinterland á hora de atender as súas demandas relacionadas co transporte marítimo e intermodal de mercancías”.

Franco Malvar puxo tamén en valor a actividade da propia Autoridade Portuaria, “que traballa na optimización do aproveitamento dos seus infraestruturas e en reforzar unha cultura corporativa que pon o énfase na eficiencia, a mellora continua e a sustentabilidade de todas as súas actuacións. Deste xeito, o porto contribúe decisivamente á dinamización da súa contorna, actuando como axente de desenvolvemento económico e social, e exemplo de colaboración público-privada. Todo iso está en liña coa misión establecida no noso plan estratéxico, definida como converter á comunidade portuaria de Vilagarcía de Arousa no referente logístico da conectividade exterior e desenvolvemento socioeconómico do seu hinterland en expansión, así como un axente crave no tráfico marítimo do noroeste peninsular”.

Aproveitamento hostaleiro do faro de Corrubedo

Por outra banda, os membros do Consello aprobaron o proxecto de ejecución de obras da concesión do Faro de Corrubedo que, mantendo o seu uso principal como axuda á navegación, acollerá un hotel de catro estrelas.

O proxecto prevé a creación dun hotel con 11 habitacións repartidas entre dúas das construcións auxiliares da contorna do faro de Corrubedo, mentres que na edificación que acolle o sinal marítimo situarase, en planta baixa, un restaurante e a recepción do hotel. O complexo complétase con dúas pequenas construcións auxiliares, destinadas unha delas a cafetería/xeladería e a outra a salón social.

Co acordo adoptado hoxe, a empresa Rianxo Xestión de Empresas SL, titular da concesión, avanza cara á materialización dun proxecto que pretende servir como elemento de dinamización turística da súa contorna. Non é a única iniciativa deste tipo a realizar nalgún dos faros xestionados pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía, xa que tamén está en marcha un proxecto de aproveitamento hoteleiro no faro de Punta Ínsua.

Porto de Vilagarcía, 11 de outubro de 2019.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.