facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Xoves, 16-Xullo-2020
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O porto de Vilagarcía establece ao remate de novembro un novo récord anual de tráfico de mercancías, superando os 1,2 millóns de toneladas
Xoves, 05 Decembro 2019 14:43
AddThis Social Bookmark Button

aluminioA falta dun mes para que termine o exercicio, o porto de Vilagarcía acaba de establecer un novo récord anual de tráfico de mercancías, o terceiro consecutivo. Ao remate do mes de novembro, a Autoridade Portuaria moveu un total de 1.207.801 toneladas de mercancías, fronte ao 1.207.577 fixado a 31 de decembro de 2018.

As previsións da Autoridade Portuaria son que as operativas previstas para decembro permitan incrementar de xeito considerable o balance de tráficos á conclusión do exercicio, achegándose á cifra de 1,3 millóns de toneladas.

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, realizou unha valoración destes resultados, indicando que “as cifras son o mellor exponente do importante labor que desenvolve o porto de Vilagarcía para os sectores produtivo e logístico da súa contorna, e evidencian a importancia do noso porto como dinamizador da economía e motor económico de Vilagarcía e a comarca”. “Nos últimos exercicios, e especialmente ao longo deste ano -engade Franco Malvar-, experimentamos un crecemento sólido, sustentado nas tres categorías de tráficos portuarios: graneis sólidos, graneis líquidos e mercancía xeral, o cal foi posible grazas á consolidación de tráficos xa presentes no porto e a captación de novas mercancías”. A este respecto, a presidenta engadiu que “a diversificación dos nosos tráficos sempre foi unha das nosas principais fortalezas, xunto coa axilidade, a eficiencia e a atención personalizada ás necesidades dos nosos clientes e usuarios”. A presidenta do porto arousano tamén destacou o labor do persoal da Autoridade Portuaria e de toda a comunidade portuaria arousana, así como “a súa implicación no esforzo colectivo orientado a ter un porto máis competitivo e máis preparado para satisfacer as actuais necesidades do transporte marítimo e intermodal de mercancías”.

No balance de tráficos destacan principalmente as excelentes cifras no movemento de mercancía xeral, que crece un 11,7% nos once primeiros meses do ano. Nesta categoría sobresaen os bos resultados no movemento de pasta de papel, na que se rozan as 13.000 toneladas fronte ás 3.501 do ano anterior; tamén soben a pesca conxelada (+7,3%) e o aluminio, que suma 131.710 toneladas (+22,4%). Os contenedores, con case 314.000 toneladas movidas, equivalentes a 37.919 TEUs (+18,8%), establecen tamén un récord anual de movemento na terminal xestionada pola empresa Boluda no peirao de Ferrazo. A través destas instalacións, facilítase o movemento de mercancías entre as illas Canarias e o hinterland portuario, un hinterland que vén de se expandir grazas á entrada en funcionamento da conexión ferroviaria do porto arousano a través da cal recíbense todas as semanas mercancías procedentes de Madrid e que saen polo porto de Vilagarcía cara ás illas. O total de mercancía xeral movida polo porto ata novembro ascende a 608.280 toneladas.

Nos graneis sólidos o total de tráficos acumulado ata novembro é do 428.103 toneladas (+7,9%). Incrementan os seus tráficos o cemento por instalación especial (57.620 toneladas,+8,1%) e, sobre todo, os cereais e as súas fariñas, categoría que suma 174.143 toneladas, fronte ás 127.723 toneladas do mesmo periodo do ano anterior, o que supón unha subida do 36,3%.

Finalmente a categoría de graneis líquidos aporta un total de 171.418 toneladas ao balance de tráficos ata outubro, o que supón un incremento do 3,4% con relación ao mesmo periodo do ano anterior. O aceite destinado á terminal da compañía galega Aceites Abril no porto de Vilagarcía estableceu un novo máximo anual, como vén sucedendo todos os exercicios desde a entrada en funcionamento destas instalacións, a finais de 2015. Concretamente, nos once primeiros meses do ano contabilízanse 85.549 toneladas de aceite descargadas no porto vilagarciano (+3,4% con respecto ao mesmo periodo do ano anterior). En terceira posición nesta categoría, por detrás do metanol, destaca a parafina, con 15.770 toneladas movidas e un aumento dos seus tráficos do 55%.

Na comparativa co conxunto do sistema portuario, e ata outubro (último mes do que se dispón de datos globais) o porto arousano experimenta o cuarto maior incremento porcentual de tráficos, por detrás unicamente dos portos de Málaga, Santander e Bahía de Cádiz. O incremento dos tráficos no porto arousano ao remate de outubro era do 11,34%, fronte ao 1,65% de media do sistema.

Por categorías, os tráficos en Vilagarcía creceron por encima da media tanto no apartado de graneis sólidos (+15,14%, terceiro maior incremento de todos os portos españois) como no de mercancía xeral (+11,28% fronte ao 3,37% do conxunto de autoridades portuarias). Vilagarcía é ademais a única autoridade portuaria das 28 que compoñen o sistema nacional que incrementa os seus tráficos nas tres categorías ata o remate de outubro.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.