O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, mantiveron o día 30 de decembro a súa primeira reunión institucional trala toma de posesión do primeiro como máximo responsable do porto arousán.
O encontro, de carácter protocolario e que se desenvolveu nun ambiente de cordialidade, non incluíu un tratamento pormenorizado dos asuntos que as dúas institucións teñen sobre a mesa e para os que resulta necesaria a mutua colaboración á hora de avanzar cara á súa resolución. Pero si evidenciou a vontade das dúas partes de traballar para alcanzar acordos en diversos ámbitos da relación porto-cidade.
O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, apuntou que “co diálogo e a colaboración, pretendemos seguir traballando para mellorar a integración porto-cidade”. Así, presidente portuario mencionou na comparecencia conxunta posterior a necesidade de incorporar á planificación urbanística os terreos portuarios xerados mediante as últimas ampliacións, por canto iso permitirá, por unha banda, avanzar cara á liberación do peirao do Ramal de usos estrictamente portuarios e por outra, facilitará o crecemento das empresas asentadas no porto, “das que dependen centos de postos de traballo”.
Pola súa banda o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, sinalou que o presidente portuario xa cursara unha invitación para unha segunda reunión, nesta ocasión na sé da Autoridade Portuaria e que se celebrará logo das festas navideñas. Varela ratificou o interese das dúas partes por chegar a acordos e engadiu que “todo ou mundo sae gañando cando os intereses conflúen”.
As dúas partes manterán novos encontros de carácter non só institucional, senón tamén técnico, a fin de buscar as mellores solucións para as cuestións que están sobre a mesa. |