facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Domingo, 26-Maio-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, entrevistouse co alcalde de Vilagarcía
Venres, 09 Setembro 2011 01:00
AddThis Social Bookmark Button

A presidenta da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Sagrario Franco Malvar, reuniuse esta mañá no Concello de Vilagarcía co alcalde, Tomás Fole, e a concelleira de Relacións Institucionais, Marta Rodríguez, nun encontro concibido como unha primeira toma de contacto, na que as dúas partes puxeron de manifesto o consenso existente en relación con iniciativas que requiren a súa colaboración para o desenvolvemento económico e social de Vilagarcía.



Dous foron os temas principais que se trataron na reunión: o proxecto de integración Porto-Cidade, dentro do cal se inclúe unha importante actuación de apertura á cidade de zonas do dominio público portuario, e a integración de O Ramal no tecido urbano de Vilagarcía. Tanto a presidenta como o alcalde destacaron que son dous proxectos estreitamente relacionados, xa que a extensión do ferrocarril aos peiraos da zona sur do porto, que á súa vez inclúe a reforma urbana da rúa Valle Inclán, é unha actuación imprescindible para, con posterioridade, poder acometer a liberación do peirao de O Ramal de usos comerciais e industriais a fin de poder dedicar ese espazo a usos cidadáns. A presidenta da Autoridade Portuaria e o alcalde coincidiron na conveniencia de traballar a prol dun amplo consenso á hora de determinar cales serán os futuros usos do peirao.

Sagrario Franco lembrou que a execución das obras de extensión do ramal ferroviario á zona sur do porto será fundamental para a configuración dun Porto no que as zonas comerciais e industriais estean concentradas na parte máis afastada á cidade, mentres que as zonas próximas ao centro urbano se dedicarán a usos cidadáns, relacionados coa náutica deportiva e o tráfico de pasaxeiros. Neste sentido, a presidenta anunciou que a primeira fase destas obras, que comprende o tramo comprendido entre a entrada ao peirao de O Ramal e o de Comboa, sairá a licitación este ano e os traballos comezarán en 2012. O orzamento destes traballos -que contan con financiamento a cargo de fondos de cohesión da Unión Europea- ascende a 5,8 millóns de euros.

Outro dos temas abordados neste encontro foi a promoción do tráfico de pasaxeiros. Neste sentido Sagrario Franco destacou a importancia de traballar en colaboración co Concello para que Vilagarcía incremente o seu atractivo para os cruceristas, o que repercutirá na dinamización da cidade.

Finalmente, o alcalde apuntou á posibilidade de negociar coa Autoridade Portuaria a posta a disposición da cidade de zonas de aparcadoiro situadas dentro do dominio público portuario, cuestión que será abordada en próximas reunións.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.