facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Mércores, 13-Decembro-2017
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O Porto pechou a ano 2011 cun incremento de tráficos do 11%
Luns, 13 Febreiro 2012 00:00
AddThis Social Bookmark Button

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía pechou o ano 2011 cun incremento dos tráficos do 11,3%, con respecto ao ano anterior. O maior aumento porcentual rexistrouse na categoría de mercancía xeral, onde se duplicaron os tráficos do ano anterior (271.763 toneladas en 2011, fronte a 130.915 toneladas en 2010) debido fundamentalmente á reactivación do tráfico de contedores e ao bo comportamento da maior parte das restantes mercancías, particularmente o do aluminio. Tamén os graneis líquidos terminaron o ano en positivo: as 200.103 toneladas movidas o pasado ano, fronte ás 188.656 de 2010, supón un incremento porcentual do 6%. Só na categoría de graneis sólidos non se conseguiu superar o rexistro de 2010, fundamentalmente polos descensos nos apartados de cereais e cemento, co que o total de toneladas movidas a final de ano foi de 339.355 toneladas (un 17% menos que en 2010). O incremento porcentual de tráficos durante 2011 foi dos maiores do sistema portuario estatal, situándose Vilagarcía entre os dez portos con maiores subidas, en cifras relativas.




Por mercancías, o mellor comportamento correspondeu aos contedores, unha vez que no mes de agosto recuperouse o servizo regular nas instalacións do peirao de Ferrazo. Ao longo de 2011 movéronse 12.228 TEUs, sendo o total de toneladas de 106.335. O taboleiro mantívose nas mesmas cifras de 2010, mentres que o aluminio e a pasta de papel rexistraron tamén importantes aumentos (no primeiro caso, pasouse de 16.722 a 53.440 toneladas anuais, e no segundo, de 2.000 a 10.224 toneladas).

Na categoría de graneis líquidos, as cifras do metanol, cunha subida porcentual do 50% (112.580 toneladas fronte ás 74.813 de 2010) foron decisivas para que o cómputo global de tráficos ofrecese un resultado positivo. Finalmente, nos graneis sólidos destaca o incremento da urea, cunha subida do 11% a peche do exercicio.

As cifras evidencian que, en 2011, a Autoridade Portuaria de Vilagarcía reforzou a súa diversificación no tipo de mercancías que entran e saen do Porto. Unha de cada tres toneladas que se moveu durante o pasado ano a través do Porto foi de mercancía xeral, a que achega maior valor engadido. Os graneis sólidos representan o 42% do total de tráficos do porto, e os graneis líquidos, o 25%.

A presidenta da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Sagrario Franco, sinalou que o resultado do ano é "un estímulo para seguir traballando a fin de que as instalacións e servizos do porto de Vilagarcía sexan cada vez máis atractivos para os operadores portuarios e as empresas da nosa zona de influencia".