facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Martes, 15-Outubro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O Porto pechou o primeiro trimestre cun incremento de tráfico de case o 50% con respecto ao mesmo periodo de 2011
Venres, 20 Abril 2012 13:41
AddThis Social Bookmark Button

Descarga de aluminioA Autoridade Portuaria de Vilagarcía rexistrou no primeiro trimestre deste ano un incremento de tráficos do 47,7% con respecto ao mesmo período do ano anterior. O Porto arousán mellorou os seus resultados nas tres categorías nas que se clasifica o tráfico portuario: graneis sólidos, graneis líquidos e mercancía xeral. En total, entre xaneiro e marzo movéronse polos peiraos vilagarciáns 267.652 toneladas de mercancía, fronte ás 181.110 do primeiro trimestre de 2011.

Por grupos de mercancías, o mellor resultado correspondeu á mercancía xeral, categoría na que se moveron 106.038 toneladas, fronte ás 43.269 do ano anterior, o que supón un incremento do 145%. O maior incremento dentro deste grupo foi o da mercancía contenerizada, que está contribuíndo de forma notable á dinamización dos tráficos portuarios desde a recuperación da actividade nas instalacións da ampliación de Ferrazo, o pasado verán. O total de TEUs movidos durante os tres primeiros meses do ano foi de 6.666, o que se corresponde con 56.800 toneladas. O aluminio experimentou tamén un importante incremento, xa que practicamente se duplicaron as cifras do ano anterior, ata alcanzar un total de 18.639 toneladas. O taboleiro e a pasta de papel mantivéronse en cifras similares ás de 2011.


Os graneis líquidos tamén pecharon o trimestre en positivo, cun aumento do 22,7% con respecto ao ano 2011. O total de graneis líquidos movidos polo Porto de Vilagarcía neste primeiro trimestre foi de 78.347 toneladas. Destaca especialmente o bo comportamento do metanol, que pasou de 32.411 toneladas movidas no primeiro trimestre do pasado ano a preto de 50.000 este ano, o que supón unha subida do 53,6%.

Finalmente, na categoría de graneis sólidos incrementáronse os tráficos nun 12,5%. O maior incremento correspondeu aos cereais, que é tamén a mercancía con máis peso dentro deste grupo. No primeiro trimestre do ano, movéronse un total de 43.093 toneladas de cereal a través dos peiraos arousáns, o que supón un 74% máis que no mesmo período do ano anterior. Tamén hai que sinalar a incorporación ao longo deste trimestre de dúas mercancías que no mesmo período do pasado ano non se moveron no porto arousán. Trátase do cemento sen instalación especial (3.508 toneladas), e do fosfato (1.402 toneladas).

As cifras contribúen a reforzar a importancia da mercancía xeral (a que achega maior valor engadido) dentro dos tráficos do porto de Vilagarcía, xa que case o 40% das toneladas movidas correspondéronse con esta categoría. E iso, sen que diminúa o tráfico de graneis, tanto líquidos como sólidos, xa que en todas as categorías se melloraron os resultados do ano anterior.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.