facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Sábado, 07-Decembro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
Comezan as obras do enlace ferroviario aos peiraos Comercial e de Comboa
Luns, 25 Xuño 2012 16:57
AddThis Social Bookmark Button

obra ferrocarrilA empresa COMSA comezou hoxe a execución da obra "Ferrocarril a Ferrazo (1º fase)". Como xa se anunciou no seu día, durante o verán, e a fin de non xerar molestias á cidadanía, actuarase unicamente en zonas de titularidade e uso portuario -concretamente, na vía paralela á rúa Valle-Inclán-.

Os traballos, que se están a desenvolver no tramo comprendido entre o antigo depósito de augas do Porto e a entrada ao recinto portuario próxima ao parque de O Centenario, empezaron polo valado da zona e provisión dos materiais necesarios, antes de proceder ao tendido das vías do ferrocarril, que se situarán a nivel da calzada. Neste tramo está prevista a habilitación de dous carrís en cada sentido e a supresión do muro que na actualidade separa o tráfico portuario do cidadán. Ademais, crearase unha nova beirarrúa na fronte dos edificios do Centro Galego de Vela, Capitanía Marítima e Subsede de Bombeiros, e en paralelo a esta, un novo carril-bici. A actuación completarase coa instalación de mobiliario urbano e a ordenación dos estacionamentos, que se incrementarán ao habilitarse novas prazas na marxe da calzada máis próxima ao mar.

A Autoridade Portuaria prevé que as obras neste tramo se prolonguen durante os meses de verán. O calendario dos traballos púxose en coñecemento dos concesionarios do porto, para unha mellor coordinación dos traballos.

O resto das actuacións previstas no proxecto desenvolveranse durante o outono deste ano e os primeiros meses de 2013. O ámbito de actuación neste caso será o comprendido entre o parque do Centenario e O Ramal. O investimento total que a Autoridade Portuaria de Vilagarcía realizará para dotar de conexión por ferrocarril aos peiraos Comercial e de Comboa ascende a 5,9 millóns de euros (ive incluído) e o prazo de execución dos traballos é de 10 meses. As obras están parcialmente financiadas con Fondos de Cohesión da Unión Europea.

Estacionamento provisional

Durante o período de execución das obras habilitarase como estacionamento provisional a parcela anexa ao peirao do Ramal. A parcela ten capacidade para un mínimo de 177 vehículos, de acordo coa estimación efectuada polo Concello que, de conformidade co convenio recentemente asinado polo alcalde, Tomás Fole, e a presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, poderá dispor desa zona para a súa utilización como aparcadoiro público e gratuíto. A parcela, cuxa superficie ascende a 3.700 metros cadrados, será acondicionada polo Concello para ese fin.

Maior operatividade portuaria

A dotación de servizo ferroviario aos peiraos da zona sur do porto é a actuación que completa o proxecto de terminal intermodal do Porto de Vilagarcía. As outras actuacións que se enmarcan neste ambicioso proxecto -ampliación do peirao Comercial e dragado da canle de entrada e círculo de manobra do porto- xa están operativas. A prolongación do enlace ferroviario do porto aos peiraos Comercial e de Comboa é fundamental para a mellora da operatividade e competitividade portuaria, xa que na zona sur portuaria concéntranse os peiraos con maiores calados, liñas de atracada e áreas de almacenamento anexas. Nunha segunda fase, que está previsto acometer a medio prazo, preténdese completar esta actuación coa extensión do ferrocarril ata o peirao de Ferrazo.

Ademais, a ampliación do servizo ferroviario do porto é un paso imprescindible para poder proceder á liberación do peirao do Ramal de usos estritamente portuarios, con vistas á súa integración no porto cidadán do que tamén forman parte o peirao de pasaxeiros, o porto deportivo e as zonas verdes e lúdicas anexas.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.