facebook

 

 twitter

 

 youtube

 

 linkedin

   
Venres, 13-Decembro-2019
Español (spanish formal Internacional)Galician (Galego)English (United Kingdom)
Mapa web
O Porto acomete a derriba do muro da rúa Valle-Inclán
Venres, 03 Agosto 2012 13:39
AddThis Social Bookmark Button

vallado obras trenAs obras do ferrocarril ao peirao de Ferrazo, primeira fase, que está acometendo a empresa COMSA, deron esta semana un paso máis coa realización dos traballos previos á derriba do muro da rúa Valle-Inclán, que separa o tráfico portuario e o cidadán.

Para iso instalouse un valo de obras na zona, co que quedaron provisionalmente fóra de uso tanto a beirarrúa como o carril-bici anexos ao muro, no tramo comprendido entre O Cavadelo e o depósito de auga do porto. A circulación rodada permanece sen variacións. A Autoridade Portuaria solicita comprensión á cidadanía polos inconvenientes que esta actuación poida causar.

Durante os próximos días acometerase a retirada de luminarias e mobiliario urbano nesta zona para, a partir da próxima semana, executar a retirada do valo de pedra e derriba da beirarrúa e o carril bici centrais. O calendario das obras foi coordinado co Concello para unha mellor planificación das actuacións. A previsión da Autoridade Portuaria é que a finais de verán finalicen os traballos nesta zona, de modo que a área comprendida entre O Cavadelo e o depósito de augas do porto estea xa completamente renovada, tanto desde o punto de vista funcional como estético.

Cabe recordar que neste tramo, o proxecto de extensión do trazado ferroviario aos peiraos Comercial e de Comboa prevé habilitar dous carrís de circulación en cada sentido, coa apertura ao uso cidadán do viario paralelo á rúa Vale-Inclán que, na actualidade, ten uso exclusivamente portuario, e no que se atopan os edificios da Capitanía Marítima, Subsede de Bombeiros e Centro de Galego de Vela. A incorporación á fronte urbano desta zona portuaria levará aparellada a a creación dunha nova beirarrúa e carril bici -en substitución dos actuais- e a ordenación dos estacionamentos, así como a instalación de novo mobiliario urbano. As obras nos outros tramos obxecto desta actuación -entre O Cavadelo e O Ramal- comezarán despois do verán.

O proxecto do Ferrocarril ao peirao de Ferrazo, fase 1, prevé a extensión do trazado ferroviario do porto desde O Ramal ata os peiraos Comercial e de Comboa a través de zonas do dominio público portuario. A actuación permitirá mellorar un servizo imprescindible nos portos de interese xeral, ao dotar de conexión ferroviaria aos peiraos con maiores calados, liña de atracada e superficies de almacenamento anexas. O orzamento desta actuación, parcialmente financiada con Fondos de Cohesión da Unión Europea, é de 5,9 millóns de euros (iva incluído) e o prazo de execución dos traballos é de 10 meses.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de privacidad.

Acepto las cookies.