As Autoridades Portuarias réxense polo Real Decreto Lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante, o cal no seu artigo 24 sinala o seguinte:
As Autoridades Portuarias son organismos públicos dos previstos na letra g) do apartado 1 do artigo 2 da Lei Xeral Orzamentaria, con personalidade xurídica e patrimonio propios, así como plena capacidade de obrar; dependen do Ministerio de Fomento, a través de Portos do Estado; e réxense pola súa lexislación específica, polas disposicións da Lei Xeral Orzamentaria que lles sexan de aplicación e, supletoriamente, pola Lei 6/1997, do 14 de abril, de Organización e Funcionamento da Administración Xeral do Estado.
As competencias das Autoridades Portuarias, recollidas no artigo 25 da Real Decreto Lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante, son as seguintes:
a) A prestación dos servizos xerais, así como a xestión e control dos servizos portuarios para lograr que se desenvolvan en condicións óptimas de eficacia, economía, produtividade e seguridade, sen prexuízo da competencia doutros organismos.
b) A ordenación da zona de servizo do porto e dos usos portuarios, en coordinación coas Administracións competentes en materia de ordenación do territorio e urbanismo.
c) A planificación, proxecto, construción, conservación e explotación das obras e servizos do porto, e o dos sinais marítimos que teñan encomendadas, con suxeición ao establecido nesta lei.
d) A xestión do dominio público portuario e de sinais marítimos que lles sexa adscrito.
e) A optimización da xestión económica e a rentabilización do patrimonio e dos recursos que teñan asignados.
f) O fomento das actividades industriais e comerciais relacionadas co tráfico marítimo ou portuario.
g) A coordinación das operacións dos distintos modos de transporte no espazo portuario.
h) A ordenación e coordinación do tráfico portuario, tanto marítimo como terrestre.
As funcións das Autoridades Portuarias, recollidas no artigo 26 do Real Decreto Legislativo 2/2011, de 5 de setembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante, son as seguintes:
) Aprobar os proxectos de orzamentos de explotación e capital da Autoridade Portuaria e o seu programa de actuación plurianual.
b) Xestionar os servizos xerais e os de sinalización marítima, autorizar e controlar os servizos portuarios e as operacións e actividades que requiran a súa autorización ou concesión.
c) Coordinar a actuación dos diferentes órganos da Administración e entidades por ela participadas, que exercen as súas actividades no ámbito do porto, salvo cando esta función estea atribuída expresamente a outras Autoridades.
d) Ordenar os usos da zona de servizo do porto, e planificar e programar o seu desenvolvemento, de acordo cos instrumentos de ordenación do territorio e de planificación urbanística aprobados.
e) Redactar e formular os plans especiais de ordenación da zona de servizo do porto, en desenvolvemento do plan xeral urbanístico.
f) Proxectar e construír as obras necesarias no marco dos plans e programas aprobados.
g) Elaborar, no seu caso, os plans de obxectivos de horizonte temporal superior a catro anos, de acordo co establecido no artigo 18.1.a).
h) Aprobar os proxectos de investimento que estean incluídos na programación aprobada, así como o gasto correspondente aos devanditos investimentos, e contratar a súa execución.
i) Informar o proxecto de Regulamento de Explotación e Policía dos portos, e elaborar e aprobar as correspondentes Ordenanzas Portuarias cos trámites e requisitos establecidos no artigo 295, así como velar polo seu cumprimento.
j) Controlar no ámbito portuario, o cumprimento da normativa que afecte á admisión, manipulación e almacenamento de mercadorías perigosas, do mesmo xeito que os sistemas de seguridade e de protección ante accións terroristas e antisociais, contra incendios e de prevención e control de emerxencias nos termos establecidos pola normativa sobre protección civil, e loita contra a contaminación mariña, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos das Administracións públicas, así como colaborar coas Administracións competentes sobre protección civil, prevención e extinción de incendios e salvamento.
k) Aprobar libremente as tarifas polos servizos comerciais que presten, así como proceder á súa aplicación e recadación.
l) Outorgar as concesións e autorizacións e elaborar e manter actualizados os censos e rexistros de usos do dominio público portuario. Así como outorgar as licenzas de prestación de servizos portuarios na zona de servizo do porto.
m) Recadar as taxas polas concesións e autorizacións outorgadas, vixiar o cumprimento das cláusulas e condicións impostas no acto de outorgamento, aplicar o réxime sancionador e adoptar cantas medidas sexan necesarias para a protección e adecuada xestión do dominio público portuario.
n) Impulsar a formación do seu persoal e desenvolver estudos e investigacións en materias relacionadas coa actividade portuaria e a protección do medio ambiente, así como colaborar niso con outros portos, organizacións ou empresas, xa sexan nacionais ou estranxeiras.
ñ) Inspeccionar o funcionamento dos sinais marítimos, cuxo control se lle asigne, nos portos de competencia das Comunidades Autónomas, denunciando a estas, como responsables do seu funcionamento e mantemento, os problemas detectados para a súa corrección.
o) Xestionar a súa política comercial internacional, sen prexuízo das competencias propias dos Ministerios de Economía e Facenda e de Asuntos Exteriores e de Cooperación.
p) Autorizar a participación da Autoridade Portuaria en sociedades, e a adquisición e alleamento das súas accións, cando o conxunto de compromisos contraídos non supere o 1 por cento do activo non corrente neto da Autoridade Portuaria e sempre que estas operacións non impliquen a adquisición ou perda da posición maioritaria. O acordo do Consello de Administración deberá contar cos votos favorables da maioría dos representantes da Administración Xeral do Estado presentes ou representados sendo, en todo caso, necesario o voto favorable do representante de Portos do Estado.
q) A instalación e o mantemento da sinalización, balizamento e outras axudas á navegación que sirvan de aproximación e acceso do buque ao porto ou portos que xestionen, así como o balizamento interior das zonas comúns. Exclúese deste servizo a instalación e o mantemento da sinalización, balizamento e outras axudas á navegación das instalacións outorgadas en concesión ou autorización, incluídas as destinadas a cultivos mariños e emisarios submarinos, ou doutras instalacións situadas no medio mariño susceptibles de poder representar un obstáculo á navegación, que serán realizados polo titular ou responsable das mesmas.
r) Promover que as infraestruturas e servizos portuarios respondan a unha adecuada intermodalidade marítimo-terrestre, por medio dunha rede viaria e ferroviaria eficiente e segura, conectada adecuadamente co resto do sistema de transporte e cos nodos loxísticos que poidan ser considerados de interese xeral.
s) Administrar as infraestruturas ferroviarias da súa titularidade, favorecendo unha adecuada intermodalidade marítimo-ferroviaria.
t) Solicitar a información relativa aos servizos que se presten e ás actividades que se desenvolvan na zona de servizo dos portos que xestionen.
2. Do exercicio das funcións en materia de planificación, proxecto e construción de obras, xestión do dominio público mediante o outorgamento de concesións e autorizacións e a regulación e control do tráfico portuario, o fomento das actividades industriais e comerciais relacionadas con aquel, as tarifas e a súa aplicación e a coordinación das operacións dos distintos modos de transporte no espazo portuario, as Autoridades Portuarias deberán fornecer a Portos do Estado a información que lles solicite.
El artículo 27 do Real Decreto Legislativo 2/2011, de 5 de setembo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante enumera os recursos económicos das Autoridades Portuarias, que estarán integrados por:
a) Os produtos e rendas do seu patrimonio, así como os ingresos procedentes do alleamento dos seus activos.
b) As taxas portuarias, sen prexuízo do establecido nos artigos 19.1.b) e 241 bis desta lei.
c) Os ingresos que teñan o carácter de recursos de dereito privado obtidos no exercicio das súas funcións.
d) As achegas recibidas do Fondo de Compensación Interportuario.
e) Os que puidesen asignarse nos Orzamentos Xerais do Estado ou nos doutras Administracións públicas.
f) As axudas e subvencións, calquera que sexa a súa procedencia.
g) Os procedentes dos créditos, préstamos e demais operacións financeiras que poidan concertar.
h) O produto da aplicación do réxime sancionador.
i) As doazóns, legados e outras achegas de particulares e entidades privadas.
j) Calquera outro que lles sexa atribuído polo ordenamento xurídico.
2. Corresponde ás Autoridades Portuarias a xestión e administración dos recursos que se relacionan no apartado anterior, nun marco de autonomía de xestión, con criterios de eficacia, eficiencia e sustentabilidade ambiental, debendo axustarse aos principios establecidos nesta lei.
Tal e como recolle o artigo 29 de Real Decreto Lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante, os órganos das Autoridades Portuarias son os seguintes:
a) De goberno: Consello de Administración e Presidente.
b) De xestión: Director.
c) De asistencia: Consello de Navegación e Porto.