Seguridade

Seguridade

Para a Autoridade Portuaria, a seguridade en todas as súas actuacións é un principio irrenunciable. Desde o Centro de Control supervísase toda a operativa portuaria e contrólase tanto o acceso ao recinto portuario como a actividade que se está desenvolvendo nos peiraos.

O Porto de Vilagarcía conta entre outras coas seguintes medidas de seguridade e Protección para as persoas, instalacións e buques:

  • Recinto valado en todo o seu perímetro, salvo as áreas abertas ao uso público (porto cidadán).
  • Sistema de control de accesos tanto para vehículos como para persoas.
  • Vídeo-vixilancia e supervisión a cargo da Policía Portuaria, 24/ h día

Control de Accesos

Ao tratarse dunha área con restricións de acceso por motivos de seguridade, de conformidade coa lexislación vixente, a entrada ao recinto portuario esixe identificación no momento da entrada, ou ben acreditación previa.

Plan Interior Marítimo

O Plan Interior Marítimo é o instrumento polo cal a Autoridade Portuaria de Vilagarcía define a estratexia de actuación ante un suceso de contaminación mariña, entendido como un acontecemento ou serie de acontecementos do mesma orixe que supoñan a introdución directa ou indirecta no medio mariño de substancias ou enerxía que provoquen ou poidan provocar efectos nocivos (como riscos costeiros, incluída a perda de biodiversidade, os obstáculos ás actividades marítimas, especialmente á pesca, ao turismo, ás actividades de lecer e demais usos lexítimos do mar, unha alteración da calidade das augas mariñas que limite a súa utilización e unha redución do seu valor recreativo, ou, en termos xerais, un menoscabo do uso sostible dos bens e servizos mariños), e que esixan medidas de emerxencia ou outra resposta inmediata.

Unha versión simplificada do Plan Interior Marítimo da Autoridade Portuaria está dispoñible para descarga nesta sección.

Código ISPS

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía cumpre co código internacional para a protección dos buques e das instalacións portuarias, ou Código ISPS, adoptado pola Organización Marítima Internacional (OMI), para establecer un marco internacional, no ámbito marítimo, de cooperación para detectar ameazas e adoptar medidas preventivas. Este código esixe a elaboración e mantemento, tanto a nivel da Autoridade Portuaria como das empresas asentadas no recinto portuario, dun Plan de Protección da Instalación Portuaria ou PPIP, baseándose nunha avaliación e que comprende os tres niveles de protección. O obxecto deste documento é recoller as medidas apropiadas para previr accesos non autorizados á instalación, buques ou zonas restrinxidas, garantir a protección da carga e equipos para a manipulación da mesma, entre outros fins.

Os códigos do Porto de Vilagarcía de Arousa son:
Port IDE number: 19565
UN locator: ESVIL

Coordinación de Actividades empresariais

A coordinación das diferentes actividades que se desenvolven no recinto portuario é tamén competencia da Autoridade Portuaria.

Todas as persoas físicas ou xurídicas contratadas pola Autoridade Portuaria para a realización dalgunha actividade deberán acreditar levar a cabo a coordinación de actividades empresariais. A coordinación de actividades empresariais esixe sempre a entrega, por parte da empresa ou organismo contratado e con carácter previo ao comezo de calquera actuación, da documentación requirida pola Autoridade Portuaria de acordo cos modelos establecidos; adicionalmente, poderán requirirse accións adicionais durante a execución dos traballos. Será competencia da empresa o traslado das directrices apropiadas aos traballadores que realicen traballos no dominio público portuario para a Autoridade Portuaria.

Simulacros

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía desenvolve periodicamente simulacros co obxectivo de poñer a proba o funcionamento dos seus plans de actuación en caso de emerxencia. A realización deste tipo de exercicios permite verificar o nivel de preparación para facer fronte a diferentes tipos de emerxencias, testar os tempos de resposta ante as situacións expostas e comprobar o correcto funcionamento dos mecanismos de coordinación entre as diferentes institucións e empresas participantes.