Cores Tourís toma posesión como presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía
Cores Tourís toma posesión como presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía que contou coa presenza do presidente da Xunta

O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, tomou posesión do seu cargo nun acto celebrado o 11 de decembro na sede da Autoridade Portuaria, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O presidente da Xunta destacou na súa intervención os retos que a Autoridade Portuaria ten por diante para seguir traballando por un porto máis operativo e eficiente.
Entre estes desafíos Núñez Feijóo mencionou o incremento do calado na canle de entrada e dársenas do porto; a reordenación interior dos espazos portuarios para gañar capacidade de almacenamento e profundar na diferenciación entre o porto comercial/industrial e o porto cidadán; ou a mellora de servizos a través de iniciativas Smart. Feijóo destacou que o porto de Vilagarcía, como as restantes Autoridades Portuarias galegas, contará co apoio da Xunta para conseguir estes obxectivos.
Pola súa banda o presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, fixo alusión no seu discurso á importancia do labor de toda a comunidade portuaria, cuxos integrantes son fundamentais para a prestación dos servizos do porto; o novo presidente tamén resaltou a gran capacidade loxística que o porto ten que ofrecer e que presta servizo non só das comarcas do Salnés e O Barbanza, senón tamén de toda a área comprendida entre Pontevedra e Santiago e comarcas adxacentes. Cores Tourís destacou a importancia do traballo no equipo e o factor humano para a boa marcha do porto e do mesmo xeito que o presidente da Xunta, tivo palabras de recoñecemento para o labor da súa inmediata antecesora, Sagrario Franco.
A expresidenta Sagrario Franco destacou no seu discurso os principais fitos da súa etapa á fronte do porto de Vilagarcía: a terminación e posta en marcha da extensión do trazado ferroviario do porto a todos os peiraos, e o récord histórico de movemento de mercadorías, con 1,3 millóns de toneladas, establecido en 2019. Franco malvar tamén quixo deixar constancia do seu agradecemento e afecto aos traballadores da Autoridade Portuaria.
O acto contou tamén coa intervención da subdelegada do Goberno en Pontevedra, María del Carmen Larriba, quen lembrou os investimentos programados polo porto arousán para o período 2020-2024, que ascenden a máis de 18 millóns de euros, e fixo mención á evolución de tráficos do porto arousán neste exercicio.
Pola súa banda o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou a estreita vinculación entre o porto e a cidade desde as súas orixes, facendo mención á carta poboa outorgada en 1441 por García de Caamaño, e na que se fai mención expresa a “ meu porto e lugar”.

Boluda e Aceites Abril reforzan a súa aposta polo porto de Vilagarcía coa ampliación da superficie das súas respectivas concesións
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía celebrou o día 31 de xullo unha sesión ordinaria na que se deu luz verde a dous proxectos para a ampliación de concesións portuarias.

A creación dun hotel no faro de Lariño, aposta da Autoridade Portuaria pola dinamización turística, encara a súa recta final
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria aprobou o outorgamento á empresa Turismo de Faros, SL, dunha concesión no faro de Punta Insua para a creación dun hotel de 10 habitacións.

A Autoridade Portuaria avalía o estado do firme en Rivero de Aguilar e Valle-Inclán, como paso previo á súa pavimentación
A Autoridade Portuaria realizará esta semana unha serie de catas nos viais de titularidade portuaria Rivero de Aguilar e Valle-Inclán a fin de avaliar o estado do paquete de firme.
Pagination
- Previous page
- Page 30
- Páxina Seguinte