O Consello de Administración da Autoridade Portuaria aproba a venda da parcela da Concha-O Ramal ao Concello de Vilagarcía
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria, reunido esta mañá de maneira telemática, aprobou allear ao Concello de Vilagarcía a parcela de O Ramal por importe de 1.886.120,46 €.

A mencionada parcela era propiedade portuaria pero non pertencía ao dominio público portuario por ser desafectada por orde do 6 de outubro de 2015, do Ministerio de Fomento. Iso permitiu axilizar a venda destes terreos ao Concello de Vilagarcía, que se formalizou en só uns meses, cos informes favorables pertinentes doutros órganos da administración con competencia na materia.
Por outra banda, o Consello aprobou, na mesma sesión, o proxecto de Plan de Empresa para 2022, no que se recollen os principais investimentos a realizar pola Autoridade Portuaria no próximo exercicio. Estas son a fase tres do Ferrocarril a Ferrazo, cun orzamento estimado dun millón de euros para o próximo ano -e un orzamento total próximo aos 1,4 millóns de euros, a executar entre as anualidades de 2022 e 2023-; e a ampliación da dragaxe da canle de entrada, para a que se orzan no próximo exercicio 300.000 euros., destinados ao desenvolvemento de proxectos e á primeira anualidade da fase 1 das obras, fase que está previsto levar a cabo entre os exercicios de 2022 e 2023 e cuxo orzamento, para os dous anos, ascende a un millón de euros.
Os membros do Consello tamén deron o seu visto e prace á ampliación do prazo da concesión de Aceites Abril, atendendo aos investimentos desenvolvidos pola empresa nas súas instalacións, de acordo co mecanismo legalmente establecido para este fin. A ampliación outórgase polo prazo de 10 anos, resultando o vencemento da concesión en 2047. Igualmente, aprobouse a solicitude de prórroga da concesión da que é titular Transportes e Construcións Diéguez, compañía que presta o servizo comercial de apoio aos labores de control fronteirizo no PIF, ademais de servizos auxiliares a outras empresas situadas no recinto portuario. A citada concesión, situada no peirao de ligazón e cunha superficie de 850 m2, pasará a finalizar en 2028.
Despedida do capitán marítimo
O Consello de hoxe foi o último ao que asistiu Manuel Martínez Calvo, capitán marítimo de Vilagarcía e membro nato deste órgano de goberno da Autoridade Portuaria, debido á súa xubilación. Por ese motivo, o presidente da Autoridade Portuaria tivo unhas palabras de recoñecemento do seu labor ao comezo da sesión do Consello.
O presidente tamén presentou aos membros do Consello o balance de tráficos do porto, que pechará este exercicio na contorna dos 1,5 millóns de toneladas de mercadorías, o cal supón un récord (o anterior máximo anual, establecido en 2019, era de 1,3 millóns de toneladas). A peche de novembro, o incremento porcentual con relación ao mesmo período do ano pasado era de máis do 25%.
Porto de Vilagarcía, 23 de decembro de 2021.

A Autoridade Portuaria formaliza a venda da parcela da Comandancia ao Concello e aproba a firma dun convenio con Turismo de Galicia
O órgano de goberno da Autoridade Portuaria tamén aprobou o Plan de Empresa 2023
O presidente de Puertos del Estado inaugura en Vilagarcía as xornadas técnicas de Relacións Laborais e Recursos Humanos do sistema portuario estatal
A actividade, á que asisten 50 persoas en representación de 22 autoridades portuarias e Puertos del Estado, desenvólvese este xoves e venres

Estudantes de Transporte e Loxística e de Comercio Internacional do Bouza Brey visitaron o porto de Vilagarcía
A pasada semana, a Autoridade Portuaria recibiu a un grupo de alumnos de primaria do CEIP Arealonga
Pagination
- Previous page
- Page 12
- Páxina Seguinte