O Porto incrementa os seus tráficos un 18% en outubro e prevé un peche en positivo do exercicio económico
O Porto de Vilagarcía celebrou esta mañá unha sesión ordinaria do seu Consello de Administración, coa particularidade de ser a primeira reunión deste tipo desenvolta a través de videoconferencia.

O Porto de Vilagarcía celebrou esta mañá unha sesión ordinaria do seu Consello de Administración, coa particularidade de ser a primeira reunión deste tipo desenvolta a través de videoconferencia. A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, iniciou a súa intervención cunhas palabras de agradecemento ao Consello de Administración, tendo en conta da súa próxima substitución na presidencia da Autoridade Portuaria.
Franco Malvar afirmou que “foi unha honra e un privilexio poder traballar da man do equipo humano da Autoridade Portuaria, de toda a comunidade portuaria e por suposto, dos membros do Consello, compartindo cos conselleiros a responsabilidade de ser os órganos de goberno desta Autoridade Portuaria e contribuír ao progreso do porto de Vilagarcía, que é tamén o progreso de toda a súa zona de influencia”. A presidenta agradeceu a confianza depositada nela pola conselleira do Mar e o presidente da Xunta durante case unha década e desexou toda a sorte ao seu sucesor, José Manuel Cores Tourís.
Sagrario Franco engadiu que “o meu principal obxectivo cando accedín a este posto era sumar desde o consenso, traballar coa man tendida a todos os sectores e colectivos, aproveitar oportunidades e sinerxias, e achegar a miña experiencia no ámbito da xestión a este organismo. Hoxe despídome como portuaria, orgullosa do que aprendín e tamén satisfeita por ter ocasión de estar durante case unha década á fronte desta Autoridade Portuaria, que levarei sempre no corazón”.
Balance tráficos
A presidenta da Autoridade Portuaria tamén informou os membros do Consello do balance de tráficos da entidade a peche de outubro. Este mes pechouse cun incremento do 18% no volume de mercadorías movidas polos peiraos arousáns con respecto ao mesmo mes do pasado ano.
Así, o décimo mes do ano pechouse cun total de 114.233 toneladas de mercadoría movida, fronte ás 96.405 do outubro de 2019.
No acumulado do ano, movéronse un total de 977.750 toneladas, fronte ás 1.085.978 toneladas movidas entre xaneiro e outubro do pasado ano. Coas boas cifras de outubro, a diferenza anual sitúase no -9,97%, mellorando así as cifras de meses anteriores.
Por categorías, destaca o incremento no apartado de graneis líquidos, cunha subida do 22,4%, superándose as 180.000 toneladas, fronte ás 147.167 do mesmo período no pasado exercicio. No apartado de graneis sólidos prodúcese un descenso do 31,75%, equivalente a 124.174 toneladas. Desta cantidade, case 100.000 toneladas correspóndese co descenso nos tráficos de cereal, unha mercadoría que historicamente presenta grandes fluctuaciones entre exercicios no porto de Vilagarcía, xa que os volumes de cereal de importación que entran polo porto veñen complementar a produción nacional de gran, que foi elevada neste ano. O total de toneladas movidas nesta categoría a peche de outubro ascende a 266.880 toneladas.
Finalmente na categoría de mercadoría xeral cabe destacar os incrementos do 9 e do 5%, respectivamente, nos tráficos de taboleiro e aluminio. O total de toneladas movidas nos 10 primeiros meses do ano no apartado de mercadoría xeral é de 530.644, o que supón un descenso do 3,12% con relación ás cifras de 2019. O total de toneladas movidas nos 10 primeiros meses do ano no apartado de mercadoría xeral é de 530.644, o que supón un descenso do 3,12% con relación ás cifras de 2019.
Balance de explotación
Igualmente, Sagrario Franco trasladou aos membros do Consello o balance de explotación a peche do terceiro trimestre do ano. Produciuse un descenso do 7,7% no importe neto da cifra de negocio, en liña coa baixada de tráficos portuarios. Aínda considerando este descenso, as previsións da Autoridade Portuaria son terminar o exercicio cun resultado económico positivo.
Plan de empresa
Por outra banda, os membros do Consello aprobaron o Plan de Empresa 2021. O Plan detalla os investimentos programados para o período 2020-2024, entre as que destacan a Dragaxe da canle de entrada que supoñerá un investimento de practicamente sete millóns de euros, a executar en dúas fases (2021-2022 e 2023-2024, aínda que a data efectiva de comezo da primeira fase destes traballos está a expensas de que se complete a tramitación ambiental correspondente); actuacións en materia de accesibilidade ferroviaria, programadas para o bienio 2023-2024 e ás que se prevé destinar 1,2 millóns de euros; as obras do sistema de control de accesos ao porto para a mellora de fluxos de mobilidade, actualmente en curso e que se executarán entre este exercicio e o próximo, para as cales o Plan de Empresa contempla un investimento global de 955.000 euros; actuacións en materia de sustentabilidade e eficiencia enerxética, para as que se consignan 738.000 euros entre 2020 e 2024, ademais doutros investimentos xenéricos e menores, entre as que se inclúen actuacións en materia de accesibilidade e dotación de medios de protección de seguridade.
Porto de Vilagarcía, 20 de novembro de 2020.

O Consello de Administración aproba a formulación da modificación puntual do Plan Especial do Porto
No balance de tráficos portuarios o primeiro trimestre do ano péchase provisionalmente cun incremento do 9% con relación ao mismo periodo do pasado ano

Unhas cen tripulacións competirán na XVII edición da bandeira de bateis “Porto Vilagarcía”, que se disputa este sábado
A proba, organizada polo Club de Remo Vilaxoán, foi presentada esta mañá na sede da Autoridade Portuaria

O Consello de Administración formaliza a adxudicación a Vilor Infraestructuras da terceira fase da obra do ferrocarril a Ferrazo
O porto establece en febreiro un novo récord mensual de tráfico portuario, con case 158.000 toneladas
Pagination
- Page 1
- Páxina Seguinte