A Autoridade Portuaria acolle a presentación do campionato provincial de bateis, que se disputará esta fin de semana en Vilaxoán
O club anfitrión compite con cinco tripulacións. Agárdase a participación de aproximadamente 600 deportistas de toda a provincia

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía acolleu esta mañá a presentación do campionato provincial de bateis que se disputará esta fin de semana en Vilaxoán. A directora da Autoridade Portuaria, Begoña Mesejo, exerceu de anfitrioa dun acto no que interviñeron Rogelio Tarrío, presidente do Club de Remo Vilaxoán, e tamén o concelleiro de Deportes do concello de Vilagarcía, Carlos Coira.
A proba disputarase este sábado, a partir das 10.30 horas (semifinais) e o domingo desde as 11 horas (final). Espérase a participación de todos os clubs da provincia (aproximadamente 600 deportistas). O total de categorías en disputa son 12: alevín, infantil, cadete. xuvenil, sub23 e absoluto, tanto en modalidade masculina como feminina, pasando á final os cinco primeiros de cada categoría. O club anfitrión e organizador terá representación en cinco categorías: alevín, infantil, cadete e absoluta masculina, e absoluta feminina. A previsión do Club de Remo Vilaxoán é que polo menos catro destas embarcacións consigan o seu pase á final, segundo indicou o presidente da entidade, Rogelio Tarrio, na rolda de prensa desta mañá.
Pola súa banda a directora da Autoridade Portuaria, Begoña Mesejo, destacou a longa colaboración que o porto mantén co Club de Remo Vilaxoán, a cal enlaza coa misión da Autoridade Portuaria e a súa responsabilidade social corporativa, na cal as actividades náutico-deportivas teñen gran protagonismo; e mencionou tamén o potencial de dinamización que ten un evento destas características, pola gran cantidade de persoas que se desprazan con motivo da súa celebración.
Nesa mesma idea incidiu o concelleiro de Deportes do Concello de Vilagarcía, Carlos Coira, quen agradeceu á federación e ao club de remo Vilaxoán a celebración do evento, antesala dunha Semana Santa na que se celebrará un importante número de eventos deportivos no municipio. Coira tamén destacou a aposta da Autoridade Portuaria pola promoción dos deportes náuticos.
Na rolda de prensa tamén se anunciou que a bandeira de bateis Porto Vilagarcía, que houbo que aprazar hai algunhas semanas debido a condicións meteorolóxicas adversas, disputarase finalmente o 21 de xuño.
Porto de Vilagarcía, 10 de abril de 2025

Os tráficos do porto de Vilagarcía remontan en marzo
O presidente informou na sesión do Consello de Administración celebrada o 18 de abril do balance de tráficos do primeiro trimestre, así como das previsión para a tempada de cruceiros

O porto de Vilaxoán acolle este domingo a décimo sexta edición da bandeira de bateis Porto de Vilagarcía
A proba, na que participarán uns 500 deportistas, foi presentada esta mañá nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vilagarcía
O Porto de Vilagarcía pecha o mellor exercicio da súa historia e fixa un record de tráfico portuario ao mover 1.552.474 toneladas en 2023
Na comparación con 2022, o peche de 2023 amosa un aumento en total de tráfico portuario de aproximadamente 55.000 toneladas, o que equivale a un incremento porcentual do 3,6%.
Pagination
- Previous page
- Page 5
- Páxina Seguinte