Os tráficos do porto de Vilagarcía remontan en marzo
O presidente informou na sesión do Consello de Administración celebrada o 18 de abril do balance de tráficos do primeiro trimestre, así como das previsión para a tempada de cruceiros
O Porto de Vilagarcía pechou o primeiro trimestre do ano con 329.849 toneladas de tráfico portuario. Marzo é o mes con mellores rexistros deste trimestre, achegando 128.844 toneladas de mercadorías a este balance, o que supón un incremento de máis do 10% con relación ao mesmo mes do pasado exercicio.
Este positivo resultado permitiu compensar parcialmente os descensos de tráficos dos meses de xaneiro e febreiro, deixando a diferenza do tráfico portuario acumulado do ano nun -6,5%. O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, deu conta da marcha do primeiro trimestre do ano aos membros do Consello de Administración na sesión celebrada esta mañá.
Por categorías, rexístrase un lixeiro descenso no apartado de graneis líquidos, que suman un total de 54.882 toneladas, fronte ás case 59.000 do mesmo período do ano pasado. A diferenza porcentual é do 6,7%.
No apartado de graneis sólidos, o total do acumulado entre xaneiro e marzo ascendeu a 83.457 toneladas, fronte ás máis de 100.000 do mesmo período do pasado ano (-18,7%). A pesar de non alcanzar os rexistros do período equivalente do pasado exercicio, cabe resaltar o positivo comportamento de produtos como os cereais e a urea, que rexistran a peche do trimestre ascensos porcentuais do 4,3% e o 2,3%, respectivamente.
A mercadoría xeral pola súa banda termina o trimestre en cifras practicamente iguais ás do mesmo período de 2023, sendo a diferenza de só 700 toneladas. O total de mercadoría xeral movida no trimestre ascendeu a 188.722 toneladas. Cabe destacar que o movemento de contedores mellora os seus datos de 2023, en toneladas e tamén en número de TEUs. O total de TEUs movidos no trimestre é de 8.279, +13,3% con respecto ao período xaneiro-marzo de 2023. Taboleiro e aluminio tamén terminan o período xaneiro-marzo moi preto dos seus números do ano pasado.
Na distribución de tráficos portuarios por categorías, a mercadoría xeral (incluída a contenerizada) remonta e volve encabezar de maneira destacada esta repartición. A esta categoría pertence o 57,6% de todos os produtos movidos polos peiraos do porto de Vilagarcía entre xaneiro e marzo; os graneis sólidos supuxeron o 25,6% do total de mercadorías deste período, mentres que o 16,8% restante correspondeu a mercadorías encadradas na categoría de graneis líquidos.
Estas cifras supoñen recuperar a tónica habitual na repartición de tráficos do noso porto, despois de que a peche do pasado exercicio, e por primeira vez en varios anos, a mercadoría xeral non chegase a representar a metade de todos os tráficos do porto de Vilagarcía.
Aprobación de pregos e licenza
Por outra banda, os membros do Consello de Administración aprobaron na sesión de hoxe os pregos de condicións particulares do servizo de subministración de combustible a buques e do servizo de consignación de buques. A aprobación destes documentos obedece á necesidade de incorporar diversas novidades normativas na materia.
O Consello aprobou tamén o outorgamento de autorización a Miller e Cía SA para a prestación do servizo comercial de consignación de buques. Igualmente, acordouse a renovación da licenza a Amarradores de Vilagarcía SL para a prestación do servizo portuario de amarre e desamarre de buques.
Previsión tempada de cruceiros
O presidente tamén informou os membros do Consello da Autoridade Portuaria de Vilagarcía sobre o próximo comezo da tempada de cruceiros. A primeira escala está prevista para o día 6 de maio e ata o mes de outubro recalarán en Vilagarcía un total de oito cruceiros. Trátase de dous máis dos recibidos o pasado ano, e a cifra máis elevada desde 2012. As previsións consolidan a tendencia ascendente dos últimos anos nesta faceta da actividade portuaria.
A maioría destas escalas correspóndense con cruceiros de luxo, boutique ou de expedición. Do total de escalas planificadas, dúas son de buques que nunca antes con anterioridade recalaran en Vilagarcía, aínda que as navieiras ás que pertencen si o fixesen previamente. Noutros casos os buques destacan pola súa fidelidade a Vilagarcía, porto no que elixen recalar ano tras ano, o cal pon de manifesto o atractivo do destino e a calidade da atención prestada polo porto de Vilagarcía a estes buques.
A capacidade total de todos os buques cuxa entrada en Vilagarcía está prevista para esta tempada supera os 2.800 pasaxeiros, aos que hai que sumar a tripulación. Para facer a estancia de todos eles en Vilagarcía máis cómoda e atractiva, o porto pon á súa disposición un servizo lanzadeira entre o peirao de atracada e o centro. Tamén se instala a pé de peirao un punto de atención ao cruceirista e habilítase unha parada de taxis provisional. Ademais, infórmase tanto ao Concello como á asociación local de hostaleiros e comerciantes da previsión de escalas para unha mellor coordinación entre todos os sectores da economía local que poden beneficiarse da chegada dos cruceiristas e tripulantes.
Porto de Vilagarcía, 18 de abril de 2024
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria aproba as contas do exercicio 2023, cun beneficio de 468.998,48 euros
O organismo tamén deu o seu visto e prace á firma dun convenio coa Xunta para a rehabilitación integral da estación marítima no Peirao de Pasaxeiros
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía renova as súas certificacións ISO de xestión de calidade, ambiental, e seguridade e saúde no traballo
As certificacións estarán vixentes ata 2027, debéndose superar unha auditoría anual de seguimento para o seu mantemento.
A Autoridade Portuaria acolle un simulacro de loita contra a contaminación mariña
O exercicio non implicou o despregamento de medios. A súa finalidade é testar a coordinación e capacidade de resposta ante un incidente na mar
Pagination
- Page 1
- Páxina Seguinte