A Autoridade Portuaria pecha o ano 2021 cun récord histórico: máis de 1,5 millóns de toneladas movidas e un incremento do 25%

A Autoridade Portuaria pecha o ano 2021 cun récord histórico: máis de 1,5 millóns de toneladas movidas e un incremento do 25%

Batéronse máximos anuais en cinco produtos. O movemento de mercadoría xeral superou as 800.000 toneladas. o que supón 150.000 máis que o seu anterior máximo anual.

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía acaba de pechar o exercicio 2021 cun récord histórico de tráficos portuarios. Estes alcanzaron a cifra de 1.511.356 toneladas, case 200.000 toneladas por encima do anterior récord, establecido en 2019. Desta maneira, cúmprense as excelentes expectativas para o peche do exercicio ás que viñan apuntando todas as cifras desde o comezo do ano. Cabe destacar que desde o pasado xaneiro viñéronse superando mensualmente todos os rexistros, tanto nos tráficos acumulados como no comparativa mes a mes, do ano 2020. O incremento porcentual dos tráficos contabilizados en 2021 con relación a 2020 é do 25%. 

Unha das cifras máis destacadas da estatística é o movemento de mercadoría xeral, que superou as 800.000 toneladas, case 150.000 toneladas máis que o anterior máximo anual nesta categoría de tráficos portuarios, establecido o pasado ano. Neste apartado, dúas mercadorías moi importantes polos seus volumes no porto de Vilagarcía, como son o taboleiro e o aluminio, establecen novos récord a peche do exercicio. Pola súa banda os contedores conseguen compensar a peche do ano parte do descenso acumulado en meses anteriores, alcanzando no acumulado anual un total de 33.986 TEUS. En toneladas, o movemento de contedores achegou case 300.000 ao balance de tráficos portuarios do ano. O incremento porcentual na categoría de mercadoría xeral con relación ao pasado ano foi do 22,4%. 

Na categoría de graneis sólidos, aínda que non se establece un máximo anual, si se melloran amplamente as cifras do pasado ano, cunha subida do 35,7%, achegando 425.965 toneladas ao balance anual de tráficos portuarios. Un dato salientable é que todos os produtos incluídos nesta categoría ven incrementados os seus rexistros con relación ao exercicio inmediatamente anterior. A subida máis destacada corresponde ao cuarzo, que cun incremento porcentual do 52,9%, supera as 144.000 toneladas, o que supón un novo récord anual para este produto no porto de Vilagarcía. O segundo produto por número de toneladas movidas nesta categoría é a urea, da que se contabilizan 109.550 toneladas. Pola súa banda o cemento, con case 78.500 toneladas movidas, marca os seus mellores datos da última década. 

No apartado de graneis líquidos, o total anual sitúase nas 273.562 toneladas, o mellor resultado nesta categoría desde o ano 2008. O incremento porcentual con relación ao ano anterior é do 17,2%. Nesta categoría destacan as cifras do aceite, que por primeira vez desde a entrada en funcionamento da terminal de Aceites Abril no noso porto, consegue superar a cifra de 100.000 toneladas descargadas nun ano. A parafina, que achega 19.500 toneladas a esta estatística, tamén marca as mellores cifras da súa historia, mentres que o metanol establece o seu mellor rexistro desde o ano 2014. 

Ás cifras asociadas ao movemento dos diferentes tipos de mercadoría hai que engadirlle as correspondentes ao avituallamento, que achega 7.752 toneladas, un 47,5% máis que no ano anterior, e a cifra máis alta dos últimos 10 anos. 

En canto ao tráfico de cruceiros, o exercicio pechouse con catro escalas, todas elas en outubro, e un total de 2.876 persoas que desembarcaron no porto de Vilagarcía, das cales 1.166 foron pasaxeiros, e a cantidade restante, tripulación. A chegada de cruceiros neste exercicio supuxo a reactivación dun tráfico que o pasado ano non chegou a rexistrar ningunha escala no noso porto, debido ás restricións asociadas á pandemia do COVID-19. 

O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, destacou que “establecemos máximos anuais en cinco mercadorías (entre as cales están representadas os tres grupos de tráficos portuarios) e tamén se conseguiu superar a cifra de 75.000 toneladas movidas nun total de nove produtos: ademais do aluminio, o taboleiro, o cuarzo, e o aceite -todos eles en récord anual- tamén se supera esta cifra no movemento de contedores, urea, cereal, cemento e metanol. Foi, pois, un ano o que obtivemos grandes resultados, grazas ao compromiso e esforzo de toda a nosa comunidade portuaria cara á consolidación de tráficos, e tamén, por suposto, á confianza e competitividade das empresas que utilizan o noso porto como nodo loxístico para os seus intercambios comerciais. A todos eles, gustaríame agradecer a súa confianza e por suposto, recoñecer a dedicación de todo o persoal da Autoridade Portuaria, un organismo que conta cun equipo profesional moi competente e enfocado na plena satisfacción dos nosos clientes como prioridade no seu labor”.

Porto de Vilagarcía, 10 de xaneiro de 2022. 
 

Alleamento por adxudicación directa da Draga Aldamiz

Resolución do Presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa do 3 de setembro de 2024, pola que se inicia o procedemento para o alleamento por adxudicación directa da embarcación Draga Aldamiz.

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria aproba as contas do exercicio 2023, cun beneficio de 468.998,48 euros

O organismo tamén deu o seu visto e prace á firma dun convenio coa Xunta para a rehabilitación integral da estación marítima no Peirao de Pasaxeiros

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía renova as súas certificacións ISO de xestión de calidade, ambiental, e seguridade e saúde no traballo

As certificacións estarán vixentes ata 2027, debéndose superar unha auditoría anual de seguimento para o seu mantemento.