A desafectación da parcela da antiga Comandancia formalízase en tempo récord
Os terreos serán adquiridos polo Concello de Vilagarcía para a súa cesión á Consellería de Sanidade con destino á creación dun centro de saúde

A tramitación administrativa necesaria para a creación na parcela da antiga Comandancia de Mariña do novo centro de saúde de Vilagarcía está a se realizar con gran axilidade, mellorando as previsións das administracións implicadas. O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, realizaron o 25 de abril unha comparecencia conxunta para informar tanto os avances logrados ata a data como dos próximos pasos a dar no proceso que levará á creación dun novo centro de saúde neses antigos terreos portuarios.
O procedemento para a saída deses terreos do dominio público portuario iniciouse por acordo do Consello de Administración da Autoridade Portuaria do 21 de outubro de 2022, no que se aprobou a declaración de innecesariedade e o inicio do trámite de desafectación estes terreos. Unhas semanas despois, Concello e Autoridade Portuaria asinaban o convenio polo que a administración local pasaba a dispoñer dunha concesión sobre esa parcela, a cambio dun canon anual establecido nuns 50.000 euros (tras a aplicación das bonificacións correspondentes). Esta concesión expúxose como unha fórmula para facilitar que o Concello puidese facer uso da parcela sen esperar á súa desafectación, en previsión de que esta puidese prolongarse entre un e dous anos.
Tras culminar este trámite da desafectación (previos informes favorables tanto da Dirección Xeral da Costa e o Mar, como do organismo público Portos do Estado), queda unicamente pendente a notificación a Patrimonio do Estado para poder formalizar a venda. O prezo de venda da parcela será de 1.157.406,66 euros, de acordo coa valoración xa realizada por unha taxadora independente. O presidente da Autoridade Portuaria manifestou a súa intención de elevar ao Consello a proposta de venda da parcela en maio, de tal maneira que a operación podería formalizarse no mes de xuño.
A finalidade última é poñer estes terreos ao dispor do Sergas, para a creación dun novo centro de saúde en Vilagarcía, un proxecto no que a administración autonómica xa está a traballar activamente.
Tanto o presidente da Autoridade Portuaria como o alcalde de Vilagarcía expresaron a súa satisfacción pola axilidade coa que se produciu este trámite, así como pola excelente coordinación entre as diferentes administracións implicadas, que está a permitir avanzar en todos os pasos previos á creación do centro de saúde con gran celeridade.
Porto de Vilagarcía, 25 de abril de 2022.

Unhas cen tripulacións competirán na XVII edición da bandeira de bateis “Porto Vilagarcía”, que se disputa este sábado
A proba, organizada polo Club de Remo Vilaxoán, foi presentada esta mañá na sede da Autoridade Portuaria

O Consello de Administración formaliza a adxudicación a Vilor Infraestructuras da terceira fase da obra do ferrocarril a Ferrazo
O porto establece en febreiro un novo récord mensual de tráfico portuario, con case 158.000 toneladas

O presidente da Xunta presenta no porto o proxecto do centro de recepción de peregrinos náuticos
O investimento a realizar por parte da Xunta de Galicia é de case 800.000 euros
Pagination
- Previous page
- Page 2
- Páxina Seguinte