O Consello de Administración da Autoridade Portuaria aproba as contas do exercicio 2023, cun beneficio de 468.998,48 euros
O organismo tamén deu o seu visto e prace á firma dun convenio coa Xunta para a rehabilitación integral da estación marítima no Peirao de Pasaxeiros

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía aprobou, en sesión ordinaria do seu Consello de Administración celebrada esta mañá, as contas anuais correspondentes ao exercicio 2023, co informe favorable da Intervención Xeral da Administración do Estado.
O resultado do exercicio foi positivo, cun beneficio de 468.998,48 euros. A cifra de negocio foi 5.840.726,98 euros, a segunda maior da historia do porto arousán, só por detrás da do ano 2022. Desta cantidade, 5,4 millóns de euros corresponderon a taxas portuarias, destacando a subida nos ingresos da taxa de ocupación e da taxa da mercadoría.
Por outra banda, o Consello tamén aprobou a firma dun convenio de cooperación entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Autoridade Portuaria para a rehabilitación integral da estación marítima no Peirao de Pasaxeiros no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.
O presidente tamén informou o Consello da marcha dos tráficos da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. A falta dun par de días para que finalice o mes de xuño, prevese superar as 700.000 toneladas movidas no primeiro semestre do ano. Destacan as boas cifras na categoría de mercadoría xeral, cun total provisional para o período xaneiro-xuño de 372.863 toneladas, máis da metade de todas as mercadorías movidas polo porto. O incremento porcentual global nesta categoría, con relación a 2023, é do 5,5%.
No caso dos graneis sólidos, tras a gran subida experimentada o pasado ano vólvese a cifras máis aliñadas cos exercicios inmediatamente anteriores, sendo o provisional de 191.659 toneladas. Pola súa banda, os graneis líquidos pechan o semestre consolidando os seus números do mesmo período do pasado exercicio. O total de toneladas movidas nesta categoría foi 138.479.
Porto de Vilagarcía, 28 de xuño de 2024

O Porto bate o seu récord de tráficos a peche do terceiro trimestre do ano, con máis de 1,1 millóns de toneladas
Mellóranse nun 0,5% os resultados do mesmo periodo do pasado exercicio

O porto de Vilagarcía organiza o XXVI campionato interportos de fútbol-sala
A competición disputarase entre este xoves e o sábado, coa participación de 25 equipos

O porto de Vilagarcía establece novos máximos de tráfico portuario no mes de xuño e no global do primeiro semestre do ano
Rózanse as 164.000 toneladas de mercadoría movida no mes de xuño, mentres que a primeira metade do ano péchase con case 800.000 toneladas
Pagination
- Previous page
- Page 7
- Páxina Seguinte