Boluda e Aceites Abril reforzan a súa aposta polo porto de Vilagarcía coa ampliación da superficie das súas respectivas concesións

Boluda e Aceites Abril reforzan a súa aposta polo porto de Vilagarcía coa ampliación da superficie das súas respectivas concesións

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía celebrou o día 31 de xullo unha sesión ordinaria na que se deu luz verde a dous proxectos para a ampliación de concesións portuarias.

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía celebrou o día 31 de xullo unha sesión ordinaria na que se deu luz verde a dous proxectos para a ampliación de concesións portuarias.

Co acordo adoptado, facilítase o crecemento das compañías asentadas no porto de Vilagarcía, incrementando a importancia deste recinto como nodo loxístico de referencia para as empresas da súa área de influencia. Ambos os expedientes para a modificación substancial destas concesións no porto de Vilagarcía foron sometidos a trámite de información pública sen que se presentasen alegacións, de maneira que o Consello acordou por unanimidade dar a súa visto e prace ás mencionadas iniciativas.

Un destes proxectos é o presentado pola empresa Boluda Maritime Terminals para a súa concesión no peirao de Ferrazo. Ademais do incremento da superficie, amplíase o obxecto da concesión, establecéndose o mesmo como terminal de contedores e mercadoría xeral no Porto de Vilagarcía. Ao mesmo tempo, o Consello aprobou tamén a ampliación da licenza de manipulación de mercadorías da empresa -que ata a data era de carácter específico para o movemento de contedores-, pasando esta a ser para o movemento de contedores e mercadoría xeral.

En canto á ampliación de terreos, a superficie da concesión practicamente duplicarase, sendo o novo total da superficie concesionada 53.935,51 metros cadrados. A ampliación, de 26.542,49 m2 correspóndese na súa práctica totalidade cunha parcela na área de Ferrazo norte, que estaba dispoñible ata a data.

A empresa concesionaria da terminal do peirao de Ferrazo prevé levar a cabo en parte deses terreos un proxecto de execución de obras para nave de consolidados, peche perimetral e instalacións na chaira do peirao de Ferrazo, proxecto que tamén se aprobou na sesión do consello do 31 de xullo. Desta maneira, se adecuan as infraestruturas existentes ás necesidades propias dunha terminal de contedores e mercadoría xeral, coa execución dunha nova nave para consolidado e desconsolidado de mercadorías, cunha superficie de 1.100 m2, e a definición das áreas exteriores complementarias, é dicir, accesos, superficie de manobra para vehículos e estacionamento, inmediatamente contiguas á nova nave. A restante superficie destínase á actividade propia da terminal.

No acordo adoptado polo Consello prevese un tráfico mínimo na terminal de 40.000 toneladas anuais de mercadoría contenerizada a partir de 2023, máis outras 16.000 toneladas de mercadoría xeral non contenerizada.

A segunda empresa que poderá ampliar as súas instalacións no Porto de Vilagarcía é Aceites Abril, ao incorporar á súa actual concesión, de 1.877 m2, outros 396,59 metros cadrados dunha parcela anexa.

A ampliación permitirá á empresa incrementar a capacidade de almacenamento das súas instalacións nun 75%, pasando da actual capacidade global de 7.930 metros cúbicos a case 14.000 metros cúbicos. Para iso, construiranse na parcela que se incorpora á concesión (anexa á que acolle actualmente as súas instalacións) catro depósitos cunha capacidade de 1.500 metros cúbicos cada un. O propósito desta ampliación é dotar ao centro loxístico de maior marxe de manobra para o almacenamento de stocks.

A presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, sinalou con relación a estes acordos que “para esta Autoridade Portuaria é unha satisfacción comprobar como dúas dos nosos operadores máis importantes estreitan a súa vinculación co noso porto. A súa aposta por seguir crecendo en Vilagarcía é para nós un estímulo que nos impulsa a continuar traballando de maneira proactiva para a plena satisfacción dos nosos clientes e usuarios, poñendo en primeiro plano aspectos da xestión e gobernanza portuaria como a eficiencia, a sustentabilidade, e a transparencia, e avanzando noutros ámbitos, como a dixitalización”.

Proxecto para o faro de Lariño

O Consello de Administración aprobou tamén na súa reunión ordinaria correspondente ao mes de xullo o proxecto construtivo para a creación dun establecemento hostaleiro con restauración nas instalacións anexas ao Faro de Punta Insua (Lariño, Carnota), cuxa concesión se outorgou na sesión do Consello de Administración do pasado mes á empresa Turismo de Faros, SL. A creación desta infraestrutura hostaleira compatibilízase co uso principal do inmoble como axuda á navegación.

Prevese a creación dun hotel de nove habitacións, o cal ocupará a práctica totalidade da superficie da edificación, salvo a área reservada para o servizo de axudas á navegación, que non forma parte da concesión. A oferta de Faro de Lariño completarase cun bar-taberna que ocupará o emprazamento do antigo garaxe. O investimento total será de 439.008 euros para o acondicionamento dos espazos en desuso do faro e a súa parcela, a través dunha reforma que poñerá en valor as características do edificio e a súa contorna.

Por outra banda, o Consello aprobou os criterios cuantitativos para a redución da taxa de ocupación neste exercicio a aquelas concesións e autorizacións nas que se acredite que experimentaron un impacto significativamente negativo na súa actividade como consecuencia da crise do COVID-19, de acordo co establecido no Decreto-lei 26/2020, do 7 de xullo, de medidas de reactivación económica para facer fronte ao impacto do COVID-19 nos ámbitos de transportes e vivenda -que sinala que a magnitude da redución da taxa de ocupación será aprobada polo Consello de Administración de cada Autoridade Portuaria-, e de conformidade tamén coas recomendacións de Portos do Estado sobre esta materia.

O Consello de Administración tamén aprobou unha modificación das súas normas de funcionamento vixentes desde o 30 de setembro de 2016, que recollían que as reunións deste órgano só podían ser presenciais. Coa modificación aprobada hoxe, establécese que “O Consello de Administración constituirase presencialmente. Excepcionalmente poderanse constituír, celebrar as súas sesións, adoptar acordos e remitir actas a distancia de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público”.

Porto de Vilagarcía, 31 de xullo de 2020.

Vista áerea muelle de Ferrazo

O Consello de Administración aproba a formulación da modificación puntual do Plan Especial do Porto

No balance de tráficos portuarios o primeiro trimestre do ano péchase provisionalmente cun incremento do 9% con relación ao mismo periodo do pasado ano

Los participantes en el acto de presentación con las banderas que recibirán los ganadores de la prueba

Unhas cen tripulacións competirán na XVII edición da bandeira de bateis “Porto Vilagarcía”, que se disputa este sábado

A proba, organizada polo Club de Remo Vilaxoán, foi presentada esta mañá na sede da Autoridade Portuaria

Sesión Consejo de febrero de 2025

O Consello de Administración formaliza a adxudicación a Vilor Infraestructuras da terceira fase da obra do ferrocarril a Ferrazo

O porto establece en febreiro un novo récord mensual de tráfico portuario, con case 158.000 toneladas