A desafectación da parcela da antiga Comandancia formalízase en tempo récord
Os terreos serán adquiridos polo Concello de Vilagarcía para a súa cesión á Consellería de Sanidade con destino á creación dun centro de saúde

A tramitación administrativa necesaria para a creación na parcela da antiga Comandancia de Mariña do novo centro de saúde de Vilagarcía está a se realizar con gran axilidade, mellorando as previsións das administracións implicadas. O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, realizaron o 25 de abril unha comparecencia conxunta para informar tanto os avances logrados ata a data como dos próximos pasos a dar no proceso que levará á creación dun novo centro de saúde neses antigos terreos portuarios.
O procedemento para a saída deses terreos do dominio público portuario iniciouse por acordo do Consello de Administración da Autoridade Portuaria do 21 de outubro de 2022, no que se aprobou a declaración de innecesariedade e o inicio do trámite de desafectación estes terreos. Unhas semanas despois, Concello e Autoridade Portuaria asinaban o convenio polo que a administración local pasaba a dispoñer dunha concesión sobre esa parcela, a cambio dun canon anual establecido nuns 50.000 euros (tras a aplicación das bonificacións correspondentes). Esta concesión expúxose como unha fórmula para facilitar que o Concello puidese facer uso da parcela sen esperar á súa desafectación, en previsión de que esta puidese prolongarse entre un e dous anos.
Tras culminar este trámite da desafectación (previos informes favorables tanto da Dirección Xeral da Costa e o Mar, como do organismo público Portos do Estado), queda unicamente pendente a notificación a Patrimonio do Estado para poder formalizar a venda. O prezo de venda da parcela será de 1.157.406,66 euros, de acordo coa valoración xa realizada por unha taxadora independente. O presidente da Autoridade Portuaria manifestou a súa intención de elevar ao Consello a proposta de venda da parcela en maio, de tal maneira que a operación podería formalizarse no mes de xuño.
A finalidade última é poñer estes terreos ao dispor do Sergas, para a creación dun novo centro de saúde en Vilagarcía, un proxecto no que a administración autonómica xa está a traballar activamente.
Tanto o presidente da Autoridade Portuaria como o alcalde de Vilagarcía expresaron a súa satisfacción pola axilidade coa que se produciu este trámite, así como pola excelente coordinación entre as diferentes administracións implicadas, que está a permitir avanzar en todos os pasos previos á creación do centro de saúde con gran celeridade.
Porto de Vilagarcía, 25 de abril de 2022.

A Autoridade Portuaria potencia a súa xestión comercial para a captación de cruceiros de pequeno e mediano tamaño
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía puxo en marcha unha estratexia orientada á captación de cruceiros de pequeno e mediano tamaño, que poidan facer escala en Vilagarcía.

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía certifica a compensación total da súa pegada de carbono, logrando a neutralidade climática
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía acaba de obter o certificado que acredita a compensación total das súas emisións directas como organización, conseguindo así a Pegada Cero Emisións.

Os tráficos do porto de Vilagarcía increméntanse un 32% en febreiro e o acumulado do ano alcanza as 210.000 toneladas
O porto de Vilagarcía experimentou un notable incremento dos seus tráficos no mes de febreiro, cunha subida do 32% con relación ao mesmo mes do ano anterior.
Pagination
- Previous page
- Page 24
- Páxina Seguinte