O Porto aproba medidas económicas de apoio a empresas de sectores fortemente afectados pola pandemia do COVID
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía aprobou medidas económicas para apoiar a empresas asentadas en dominio público portuario que sufriron importantes repercusións pola crise do COVID.

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía aprobou o 26 de marzo, nunha sesión do Consello de Administración celebrada de maneira telemática, medidas económicas para apoiar a empresas asentadas en dominio público portuario que sufriron importantes repercusións pola crise do COVID.
Estas empresas, pertencentes a sectores como a restauración e actividades de lecer e tempo libre, viron notablemente reducida a súa actividade o pasado ano, como consecuencia da aplicación de medidas tales como peche temporal das súas instalacións ou horarios de apertura limitados.
Por iso a Autoridade Portuaria, de acordo co previsto en o Decreto-lei 26/2020, do 7 de xullo, de medidas de reactivación económica para facer fronte ao impacto do COVID-19, acordou para catro empresas asentadas en chan portuario e a solicitude destas, a redución da taxa de ocupación nas porcentaxes establecidas na normativa aplicable, en función da diminución de ingresos acreditada por cada empresa. Con esta medida, a Autoridade Portuaria facilita o mantemento da actividade en firmas que, desde terreos portuarios, prestan servizos a toda a cidadanía arousá e contribúen á xeración de emprego na nosa contorna.
Por outra banda, o Consello aprobou o Plan de Recepción de Refugallos e Residuos xerados por buques no Porto de Vilagarcía. Igualmente, os membros do órgano de goberno portuario deron o seu visto e prace a senllas autorizacións para a prestación do servizo comercial de subministración de combustible a buques (mediante camión cisterna), e de subministración de lubricantes a buques.
Na súa primeira sesión como presidente da Autoridade Portuaria –cargo ao que accedeu a finais do pasado ano- José Manuel Cores Tourís informou os membros do Consello da evolución dos tráficos portuarios nos dous primeiros meses do ano.
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía comezou o ano co terceiro mellor balance de todo o sistema portuario en canto ao incremento porcentual dos seus tráficos con relación ao pasado exercicio, cunha subida do 20%. O total de toneladas movidas entre xaneiro e febreiro polo porto arousán ascendeu a 210.612, fronte ás 175.418 toneladas sumadas no mesmo período do pasado exercicio. Das 28 Autoridades Portuarias que compoñen o sistema, unicamente Málaga e Almería presentan a peche do primeiro bimestre do ano mellores cifras que Vilagarcía. De acordo coas estatísticas feitas públicas onte por Portos do Estado, son 11 os portos que melloran globalmente os seus rexistros do pasado ano no total de mercadorías movidas, mentres que os 17 restantes están por baixo dos resultados do pasado exercicio.
Só cinco das Autoridades Portuarias conseguen incrementar os seus tráficos con relación a 2020 nas tres categorías nas que se distribúen os tráficos portuarios, sendo unha delas a de Vilagarcía. No porto arousán os incrementos porcentuais foron respectivamente do 40% nos graneis sólidos, do 20% nos graneis líquidos e do 14,2% na mercadoría xeral.
Porto de Vilagarcía, 26 de marzo de 2021.

Un total de 20 embarcacións arribarán mañá a Vilagarcía, último porto do “ Caminho marítimo de Santiago en Portugal”
A carabela Vera Cruz, recreación dun buque dos séculos XV- XVI, poderá visitarse sábado pola tarde e domingo pola mañá no peirao pantalán da dársena 2

A Autoridade Portuaria aproba un convenio coa Garda Civil para poñer á súa disposición unha nova sede dentro do Porto
O presidente presentou o balance de tráficos ata marzo e anunciou o comezo da tempada de cruceiros, este mesmo domingo

A desafectación da parcela da antiga Comandancia formalízase en tempo récord
Os terreos serán adquiridos polo Concello de Vilagarcía para a súa cesión á Consellería de Sanidade con destino á creación dun centro de saúde
Pagination
- Previous page
- Page 17
- Páxina Seguinte