Vilagarcía, segundo porto do sistema con maior incremento porcentual dos seus tráficos no primeiro cuadrimestre do ano
A recente publicación das estatísticas do sistema portuario correspondentes ao remate de abril evidencia a excelente marcha do porto neste exercicio.
O Porto de Vilagarcía é o segundo con maior incremento porcentual dos seus tráficos no primeiro cuadrimestre do ano, só por detrás de Almería. Os datos foron presentados polo presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, aos membros do Consello de Administración na sesión telemática celebrada o día 28 de maio.
O incremento dos tráficos portuarios en Vilagarcía entre xaneiro e marzo foi do 25,65%, sumando un total de 461.675 toneladas. Un dato destacable é que Vilagarcía mellora os seus tráficos do pasado exercicio nas tres categorías de tráficos portuarios: graneis sólidos, graneis líquidos, e mercadoría xeral. O porto arousán tamén se sitúa por encima dos resultados medios para estas mesmas categorías que reflicte a estatística do sistema portuario estatal, feita pública por Puertos del Estado esta semana.
No conxunto do sistema, só outras tres Autoridades Portuarias conseguen pechar este cuadrimestre cun incremento dos seus tráficos tanto en mercadoría xeral como nos graneis sólidos e líquidos.
Outro dato destacable é o incremento porcentual no número de buques que fixeron escala no porto neste cuadrimestre, que mostra unha subida do 33% con relación ao mesmo período do pasado ano.
O presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Cores Tourís, adiantou aos membros do Consello que os datos de peche de maio serán igualmente moi positivos, o que permitirá á Autoridade Portuaria encadear seis meses de incremento dos seus tráficos portuarios.
Por outra banda, a Autoridade Portuaria continúa contribuíndo á reactivación económica das empresas da comunidade portuaria que sufriron as consecuencias derivadas da crise da COVID e o seu impacto na actividade económica.
Así, na sesión de hoxe aprobáronse para unha empresa concesionaria medidas económicas de apoio #ante as repercusións sufridas pola pandemia, no relativo a tráficos mínimos e ao límite inferior da cota íntegra anual da taxa de actividade para o ano 2020, que se modifican conforme ao previsto na Real Decreto-lei 26/2020, do 7 de xullo, de medidas de reactivación económica para facer fronte ao impacto do COVID-19 nos ámbitos de transportes e vivenda. Tal e como prevé a normativa, o acordo adóptase previa solicitude da concesionaria, unha firma que desenvolve no recinto portuario unha actividade plenamente vinculada coa loxística e o transporte marítimo de mercadorías.
Este acordo vén sumarse ao adoptado o pasado mes de marzo, polo que se aprobaron medidas de apoio para empresas pertencentes a sectores como a restauración e actividades de lecer e tempo libre.
Porto de Vilagarcía, 28 de maio de 2021.

A Autoridade Portuaria potencia a súa xestión comercial para a captación de cruceiros de pequeno e mediano tamaño
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía puxo en marcha unha estratexia orientada á captación de cruceiros de pequeno e mediano tamaño, que poidan facer escala en Vilagarcía.

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía certifica a compensación total da súa pegada de carbono, logrando a neutralidade climática
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía acaba de obter o certificado que acredita a compensación total das súas emisións directas como organización, conseguindo así a Pegada Cero Emisións.

Os tráficos do porto de Vilagarcía increméntanse un 32% en febreiro e o acumulado do ano alcanza as 210.000 toneladas
O porto de Vilagarcía experimentou un notable incremento dos seus tráficos no mes de febreiro, cunha subida do 32% con relación ao mesmo mes do ano anterior.
Pagination
- Previous page
- Page 24
- Páxina Seguinte