XV Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía celébrase este sábado en augas de Vilaxoán

XV Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía celébrase este sábado en augas de Vilaxoán

O Club de Remo Vilaxoán, organizador da proba, prevé a participación dunhas 500 persoas nesta oitava proba do calendario de bateis

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía acolleu esta mañá a presentación da bandeira de bateis “Porto de Vilagarcía”, que alcanza este ano a súa décimo quinta edición. A competición celebrarase este sábado, día 18 de marzo, desde as catro da tarde, en augas de Vilaxoán. 

A bandeira de bateis “Porto de Vilagarcía”, constará de 12 regatas, nas categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil, sub23 e absoluto, tanto en modalidade masculina como feminina. Os clubs que obteñan mellor resultado no cómputo global de cada modalidade recibirán as correspondentes bandeiras. 

Rogelio Tarrío, presidente do Club de Remo Vilaxoán -que organiza o evento-, destacou que na proba competirán un total de 12 clubs da provincia de Pontevedra, o que sumando as diferentes categorías supón a participación dunhas 500 persoas, aproximadamente. 

Tarrío agradeceu a colaboración tanto da Autoridade Portuaria como do Concello de Vilagarcía no desenvolvemento do evento, que está incluído no calendario de bateis como a oitava proba desta tempada. 

O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, destacou que “nos enorgullecemos de que esta importante proba leve o nome do porto de Vilagarcía”, como parte do compromiso da Autoridade Portuaria co deporte basee e o deporte vinculado ao mar. Cores Tourís engadiu que esta faceta da Autoridade Portuaria enmárcase “no noso propósito de estar sempre á beira da cidade e da comarca, contribuíndo ao seu desenvolvemento non só económico senón tamén social”. 

Pola súa banda o concelleiro José María González, que asistiu ao acto en representación do Concello de Vilagarcía, expresou a súa satisfacción porque “Vilagarcía sexa novamente escenario de probas en categoría basee e absoluta, despois dun ano sen competición” e manifestou a disposición da administración local para colaborar co club tanto no desenvolvemento deste evento como na súa actividade do día a día. 

Porto de Vilagarcía, 16 de marzo de 2023. 

Autoridade Portuaria e Concello de Vilagarcía acordan crear unha comisión técnica para avanzar en temas urbanísticos pendentes

O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Urbanismo, Paola María, na sede da Autoridade Portuaria.

O Porto incrementa os seus tráficos un 18% en outubro e prevé un peche en positivo do exercicio económico

O Porto de Vilagarcía celebrou esta mañá unha sesión ordinaria do seu Consello de Administración, coa particularidade de ser a primeira reunión deste tipo desenvolta a través de videoconferencia.

Xunta e Autoridade Portuaria analizan os retos relacionados coa operatividade do porto

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo o día 16 de febreiro unha reunión co presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía; José Manuel Cores Tourís, nas instalacións do porto arousán.