XV Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía celébrase este sábado en augas de Vilaxoán

XV Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía celébrase este sábado en augas de Vilaxoán

O Club de Remo Vilaxoán, organizador da proba, prevé a participación dunhas 500 persoas nesta oitava proba do calendario de bateis

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía acolleu esta mañá a presentación da bandeira de bateis “Porto de Vilagarcía”, que alcanza este ano a súa décimo quinta edición. A competición celebrarase este sábado, día 18 de marzo, desde as catro da tarde, en augas de Vilaxoán. 

A bandeira de bateis “Porto de Vilagarcía”, constará de 12 regatas, nas categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil, sub23 e absoluto, tanto en modalidade masculina como feminina. Os clubs que obteñan mellor resultado no cómputo global de cada modalidade recibirán as correspondentes bandeiras. 

Rogelio Tarrío, presidente do Club de Remo Vilaxoán -que organiza o evento-, destacou que na proba competirán un total de 12 clubs da provincia de Pontevedra, o que sumando as diferentes categorías supón a participación dunhas 500 persoas, aproximadamente. 

Tarrío agradeceu a colaboración tanto da Autoridade Portuaria como do Concello de Vilagarcía no desenvolvemento do evento, que está incluído no calendario de bateis como a oitava proba desta tempada. 

O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, destacou que “nos enorgullecemos de que esta importante proba leve o nome do porto de Vilagarcía”, como parte do compromiso da Autoridade Portuaria co deporte basee e o deporte vinculado ao mar. Cores Tourís engadiu que esta faceta da Autoridade Portuaria enmárcase “no noso propósito de estar sempre á beira da cidade e da comarca, contribuíndo ao seu desenvolvemento non só económico senón tamén social”. 

Pola súa banda o concelleiro José María González, que asistiu ao acto en representación do Concello de Vilagarcía, expresou a súa satisfacción porque “Vilagarcía sexa novamente escenario de probas en categoría basee e absoluta, despois dun ano sen competición” e manifestou a disposición da administración local para colaborar co club tanto no desenvolvemento deste evento como na súa actividade do día a día. 

Porto de Vilagarcía, 16 de marzo de 2023. 

A Autoridade Portuaria avalía o estado do firme en Rivero de Aguilar e Valle-Inclán, como paso previo á súa pavimentación

A Autoridade Portuaria realizará esta semana unha serie de catas nos viais de titularidade portuaria Rivero de Aguilar e Valle-Inclán a fin de avaliar o estado do paquete de firme.

A Autoridade Portuaria incrementa os seus tráficos en abril con respecto ao mesmo mes do pasado ano

Dixitalización, apoio e coordinación coa comunidade portuaria e adaptabilidade son os tres eixos sobres os que ha pivotado a actuación da Autoridade Portuaria de Vilagarcía ao longo das últimas semanas marcadas polo COVID-19.

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía impulsa unha mostra fotográfica virtual e colaborativa como homenaxe ante a crise do COVID-19

Recoller e compartir as experiencias cidadás en relación coa crise sanitaria do COVID-19 é o obxectivo que se expón a Autoridade Portuaria de Vilagarcía coa organización de “Contra vento e marea".