Autoridade Portuaria e Concello traballarán conxuntamente para a posta en valor do Peirao de Pasaxeiros
A Autoridade Portuaria e o Concello de Vilagarcía celebraron unha reunión na que se abordaron iniciativas de interese para a cidadanía, como é a potenciación do Peirao de Pasaxeiros e o antigo Club de Mar como referentes do turismo náutico.

A Autoridade Portuaria e o Concello de Vilagarcía celebraron este venres unha reunión na que se abordaron iniciativas de interese para a cidadanía, como é a potenciación do Peirao de Pasaxeiros e o antigo Club de Mar como referentes do turismo náutico na ría e en Galicia.
Despois da petición cursada hai unha semana polo Concello, a directora do Porto, Begoña Mesejo, e o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou mantiveron un encontro na sede da Autoridade. O obxectivo da reunión era abordar a posibilidade de crear unha estación marítima no edificio do antigo Club de Mar, pero o encontro deu pé a unha formulación máis ambiciosa, orientado á posta en valor de todo o peirao de pasaxeiros -unha parte moi importante da fachada marítimo-portuaria da cidade- cunha aposta decidida polo turismo e as actividades náuticas, de tal maneira que este enclave privilexiado reforce a súa importancia como lugar de lecer e tempo libre para visitantes e tamén para os vilagarciáns.
As dúas institucións coinciden en que poñer en valor o peirao de pasaxeiros e dotar a Vilagarcía dunha estación marítima é unha prioridade. De feito, así está contemplado no Plan Especial do porto, ademais de que este propósito tamén enlaza cunha das liñas do Plan Estratéxico da Autoridade Portuaria, que é o fomento da náutica recreativa. E, como se sabe, recuperar a tradición náutica e xacobea é tamén una das bases da estratexia turística do concello, na que se inclúen, entre outras, a construción dun albergue de peregrinos no Carril ou os convenios cos axentes turísticos da cidade e outras institucións para crear novos produtos turísticos.
A celebración, dentro dun ano, do Xacobeo, con posibilidades de que sexa ampliado a 2022, será un aliciente para seguir traballando neste proxecto, tendo en conta ademais que o Porto de Vilagarcía conta coa consideración de Porto Xacobeo. Paralelamente ao desenvolvemento do proxecto para esta área, deberá xestionarse o traslado a un emprazamento alternativo da entidade deportiva que actualmente ocupa algunhas das instalacións na cabeceira do Peirao de Pasaxeiros. Ao respecto, e despois deste encontro inicial, unha futura reunión da alcaldía e a presidencia do Porto servirá para articular a fórmula máis apropiada para facer realidade esta iniciativa.
En calquera caso, a reunión do venres marca o inicio dun proceso que deberá concluír acabar coa conversión do antigo Club de Mar nunha estación marítima que sirva de apoio ás iniciativas públicas, pero tamén privadas, e así mesmo convértase en polo de atracción cara a unha das zonas de uso público de titularidade portuaria como é o Peirao de Pasaxeiros. Hoxe, hai varias empresas que operan en Vilagarcía con roteiros pola ría e o río e tamén á illa de Cortegada e precisan dun lugar de referencia.
Ao tempo, o Concello traballa con operadores privados, ademais das mancomunidades do Salnés e de Arousa Norte e o Concello de Santiago, no desenvolvemento de novos produtos e experiencias turísticas ao redor do camiño xacobeo fluvial e marítimo, a orixe de todos os camiños, e todos consideran que a Autoridade Portuaria debe ser unha peza fundamental nesa estratexia. O porto arousán, pola súa banda, mantén aberta unha liña de traballo con Turismo de Galicia para colaborar no aproveitamento dos recursos turísticos do porto, e coopera con outras entidades públicas e persoais para a súa potenciación como escala en itinerarios turísticos por vía marítima.

Os tráficos do porto de Vilagarcía remontan en marzo
O presidente informou na sesión do Consello de Administración celebrada o 18 de abril do balance de tráficos do primeiro trimestre, así como das previsión para a tempada de cruceiros

O porto de Vilaxoán acolle este domingo a décimo sexta edición da bandeira de bateis Porto de Vilagarcía
A proba, na que participarán uns 500 deportistas, foi presentada esta mañá nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vilagarcía
O Porto de Vilagarcía pecha o mellor exercicio da súa historia e fixa un record de tráfico portuario ao mover 1.552.474 toneladas en 2023
Na comparación con 2022, o peche de 2023 amosa un aumento en total de tráfico portuario de aproximadamente 55.000 toneladas, o que equivale a un incremento porcentual do 3,6%.
Pagination
- Previous page
- Page 5
- Páxina Seguinte