A creación dun hotel no faro de Lariño, aposta da Autoridade Portuaria pola dinamización turística, encara a súa recta final
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria aprobou o outorgamento á empresa Turismo de Faros, SL, dunha concesión no faro de Punta Insua para a creación dun hotel de 10 habitacións.

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria, reunido hoxe por primeira vez tras a declaración da pandemia do COVID-19, aprobou o outorgamento á empresa Turismo de Faros, SL, dunha concesión no faro de Punta Insua para a creación dun hotel de 10 habitacións.
Desta maneira, o proxecto para o aproveitamento do potencial deste faro situado en Lariño (municipio de Carnota) como recurso para a dinamización turística da súa contorna mediante a creación dun establecemento hostaleiro nas instalacións en desuso da edificación encara a súa recta final.
O proxecto impulsado pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía comezou coa convocatoria dun concurso para o outorgamento dunha concesión co obxecto de desenvolver actividades de tipo turístico (aloxamento) que puidesen favorecer o desenvolvemento de actividades culturais ou similares de interese social, complementadas ou non con restauración, nas edificacións e superficies anexas ao faro de Punta Insua. A oferta presentada por Turismo de Faros, SL foi a seleccionada neste concurso. O próximo paso tras o outorgamento, hoxe, da concesión, será a aprobación do proxecto construtivo, documento que deberá recibir o visto e prace do Consello de Administración antes do comezo das obras.
Sagrario Franco, presidenta da Autoridade Portuaria, sinala que “o noso propósito é que os espazos complementarios do faro –é dicir, aqueles que non son estritamente necesarios para a súa función como axuda á navegación- poidan actuar como elemento dinamizador, desde o punto de vista turístico, da súa contorna, axudando á divulgación dos valores arquitectónicos, históricos e paisaxísticos da propia construción e do espazo natural no que se sitúa, e servindo como polo de atracción ao redor do cal pode articularse unha oferta de lecer e turismo nova, sostible e con características singulares”.
A posta en valor da contorna do faro de Lariño mediante o seu aproveitamento turístico, xunto co proxecto para o Faro de Corrubedo (pendente da realización de obras para a súa apertura, e adxudicada á empresa Rianxo Xestións de Proxectos) se incardinan no Plan Estratéxico da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, que contempla como unha das súas liñas de actividade a posta en valor deste importante elemento patrimonial. Tanto a iniciativa de Punta Insua como a de Corrubedo enmárcanse no proxecto Faros de España, cuxo obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades de tipo hostaleiro, aloxamento ou similar nos espazos en desuso dos faros, reforzando a súa relación coa sociedade.
O faro de Punta Insua, inaugurado en 1921, sitúase nunha parcela de 1.598,55 m2. En canto ás superficies cubertas, na parcela inclúese a edificación anexa ao faro, na que sitúa a lanterna, cunha superficie en planta total de 324,50 m2.
A proposta seleccionada prevé a creación dun hotel de 10 habitacións o cal ocupará a práctica totalidade da superficie da edificación, salvo a área reservada para o servizo de axudas á navegación, que non forma parte da concesión. A oferta de Faro de Lariño complétase cun bar-taberna que se situará no antigo garaxe. O proxecto prevé un investimento de 336.000 euros para o acondicionamento dos espazos en desuso do faro, que manterá a súa configuración e aspecto actual, así como a súa actividade principal como axuda á navegación. Inclúense tamén na concesión o antigo garaxe da parcela, cunha superficie de 25 m2, e unha edificación de 10 m2 na que antigamente se situaba un transformador, e que carece actualmente de uso.
Aprobación das contas anuais
Por outra banda, o Consello de Administración do porto tamén aprobou as contas anuais correspondentes ao exercicio 2019. Nos datos destaca que a Autoridade Portuaria de Vilagarcía rexistrou o maior importe neto da cifra de negocios da súa historia, con 5.445.369,74 euros, case 400.000 euros máis que o récord establecido en 2018, como consecuencia da maior actividade portuaria.
Os ingresos procedentes de taxas portuarias aumentaron un 6,15% en 2019 con respecto ao exercicio anterior. O maior incremento correspondeu á taxa de ocupación -que abonan as empresas asentadas no porto-, que reportou uns ingresos de case 1,7 millóns de euros, un 8,09% máis que en 2018. En canto ás taxas de utilización das infraestruturas portuarias, estas superaron os 2,5 millóns de euros, sendo os ingresos procedentes deste apartado uns 5% superiores aos do ano anterior. No referente os gastos, estes reducíronse no seu conxunto un 3,75% con relación ao ano anterior (4.157.151,92 euros fronte aos 4.319.147,93 €).
A contención do gasto e o incremento dos ingresos no exercicio 2019 permitiron pechar o ano cun resultado positivo de 1.126.357,81 euros, fronte aos 457.500,39 euros do ano 2018. Trátase do mellor resultado da última década.
A xeración de beneficios por parte da Autoridade Portuaria facilita a este organismo acometer os investimentos necesarios para a mellora das súas instalacións e servizos, non só en canto ás infraestruturas, senón tamén en ámbitos como a seguridade, dixitalización, etc, ou no mantemento e mellora dos espazos portuarios abertos ao uso público. Cabe lembrar que a Lei de Portos do Estado e a Mariña Mercante establece o principio de autosuficiencia económica do sistema portuario, de maneira que as Autoridades Portuarias fináncianse cos ingresos procedentes da súa actividade, e non a través dos orzamentos xerais do estado.
Porto de Vilagarcía, 30 de xuño de 2020.

O Consello de Administración aproba a formulación da modificación puntual do Plan Especial do Porto
No balance de tráficos portuarios o primeiro trimestre do ano péchase provisionalmente cun incremento do 9% con relación ao mismo periodo do pasado ano

Unhas cen tripulacións competirán na XVII edición da bandeira de bateis “Porto Vilagarcía”, que se disputa este sábado
A proba, organizada polo Club de Remo Vilaxoán, foi presentada esta mañá na sede da Autoridade Portuaria

O Consello de Administración formaliza a adxudicación a Vilor Infraestructuras da terceira fase da obra do ferrocarril a Ferrazo
O porto establece en febreiro un novo récord mensual de tráfico portuario, con case 158.000 toneladas
Pagination
- Page 1
- Páxina Seguinte